A loita pola reitoría da USC reeditará o duelo entre Viaño e Antonio López

O actual reitor presentou este martes a súa candidatura en senllos actos en Santiago e Lugo

Juan Viaño e Antonio López. VICTORIA RODRÍGUEZ - PEPE FERRÍN
photo_camera Juan Viaño e Antonio López. VICTORIA RODRÍGUEZ - PEPE FERRÍN

O profesor Juan Viaño, o actual reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), optará á reelección do cargo cun novo plan para o próximos catro anos co que buscará conseguir a "transformación dixital" da institución académica, co fin de avanzar tanto en docencia e investigación como en transferencia de coñecemento.

Viaño presentou oficialmente a súa candidatura en senllos actos celebrados en Santiago –no Museo de Historia Natural– e en Lugo –na sala de conferencias do Cactus– rodeado de numerosos apoios, como o exreitor Senén Barro ou o exdecano de Medicina, Juan Gestal, entre outros.

Viaño impuxérase en 2014 a Antonio López por escasa marxe nun contexto marcado entón pola crise económica que atravesaba a USC

Ata agora. o catedrático de Dereito Finaceiro Antonio López Díaz (Barreiros, 1964) xa anunciou a súa intención de presentar candidatura, polo que se reeditará o mesmo duelo que en 2014. O prazo para presentarse ábrese o 15 de marzo e péchase o 2 de abril, polo que aínda poderían postularse máis aspirantes.

Viaño (Boqueixón, 1955), catedrático de Matemática Aplicada, pretende estender esta renovación cara á "sociedade dixital" en catro ámbitos de actuación. O primeiro deles, que a USC debe "asumir con urxencia", será o cadro de persoal, situando o "envellecemento" dos profesionais e a incorporación de "xente nova" en áreas "minguadas polas xubilacións" como unha das principais "carencias" da institución. 

Por iso, apostou por unha nova organización do cadro de persoal que permita impartir docencia "semipresencial e virtual", o acceso dos investigadores a centros de referencia ou que o persoal de administración poida garantir "o bo funcionamento do sistema de servizos de apoio". 

A votación para elixir reitor da USC celebrarase o 23 de abril, xusto catro anos despois das últimas eleccións, nas que Viaño se impuxera a Antonio López por escasa marxe nun contexto marcado entón pola crise económica que atravesaba a institución académica.

Comentarios