Longa cola para ver a "impresionante" restauración do Pórtico da Gloria

Algúns dos visitantes esperaron ata dúas horas na fila

Os centos de visitantes que se achegaron este venres á Catedral de Santiago para ver o restaurado Pórtico da Gloria esperaron ata dúas horas de cola, xa que as visitas fanse en grupos dun máximo de 25 persoas que poden observar as figuras durante quince minutos.

A obra do Mestre Mateo, unha das máis destacadas do Románico, volveu abrir as súas portas ao público despois dun proceso de restauración que durou dez anos e que devolveu parte da policromía impresionou a moitos turistas.

Tras a visita, os adxectivos de quen puideron admirar a obra foron unánimes: "impresionante" ou "marabilla", entre outros. "É unha pasada velo así", comentaron os integrantes dunha familia de Santiago, xa que non só turistas se achegaron á praza do Obradoiro ás 8 da mañá, cando abriu as portas o templo compostelán. "É unha xoia, unha marabilla", contou unha parella do País Vasco. "Oxalá poida velo a miña filla tamén, que lle encanta a arte e apreciarao moitísimo", dixo un deles.

Entre os visitantes, ademais de galegos e españois doutros puntos do país tamén había xaponeses ou franceses, entre outras nacionalidades, xa que Santiago, en plenas festas do Apóstolo, recibe en xullo unha alta afluencia de peregrinos. "Eu véxoo como budista, polo que só podo dicir que é diferente ao que estou habituada a ver", engadiu unha moza xaponesa que está a percorrer España.

"É bonito pero pensei que tería máis cor, máis vívido", dixo un mozo francés que se achegou ata a Catedral de Santiago para "acenderlle unha vela a unha amiga".

A cola para acceder ao nártex foi en aumento ao longo da mañá deste venres e moitos entraron logo de dúas horas de espera. "Hai que velo", confesou un salmantino logo de apreciar a restauración.

A partir deste venres e ata o 20 de setembro, os visitantes poderán entrar pola porta principal de 8.00 a 22.00 horas en grupos de 25 persoas por orde de chegada e durante quince minutos. O fluxo de persoas para contemplar o Pórtico da Gloria unicamente se verá interrompido durante os actos litúrxicos, dous de luns a venres e catro os sábados e domingos, e tamén se a climatoloxía, fundamentalmente en forma de choiva forte, non acompaña no caso de que sopre vento do sur ou suroeste.

A visita está precedida da entrega dun folleto explicativo e dun visionado en pantalla antes de acceder ao nártex, o que permite facerse unha idea do que a xente vai contemplar. No outono traballarase no encapsulado do pórtico para que as obras de restauración que se van realizar no interior do templo non afecten o conxunto de estilo románico. Unha vez encapsulado, a Fundación Catedral comezará a traballar no deseño dunha segunda fase de visitas ata que finalicen as obras no interior do templo.

Os traballos de restauración do Pórtico da Gloria quedaron oficialmente inaugurados o pasado 2 de xullo coa presenza, entre outras personalidades, da Raíña Sofía; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Cultura, José Guirao.

O proceso prolongouse durante dez anos, entre estudos técnicos e o labor dos restauradores, e contou coa participación de expertos do Ministerio de Cultura e das universidades galegas e internacionais e co financiamento da Fundación Barrié.

Comentarios