A Lotaría de Nadal deixa máis de 16 millóns en premios en Galicia

Pontevedra foi a provincia máis afortunada, co Gordo, e a Ferrol e Ourense foron o segundo e terceiro premio 
 
2020122214064450105
photo_camera Celebración ás portas de A centola dourada, en O Grove. RAFA FARIÑA

O Sorteo Extraordinario da Lotaría de Nadal 2020 deixou en Galicia máis de 16 millóns en premios, ao tocar todos os que se reparten, entre eles o Gordo, que recaeu nas localidades pontevedresas de Vigo, O Grove e O Porriño. 

A administración de lotarías número 17 de Vigo, situada no 120 da rúa Urzáiz, é das que que maior contía repartiu, 10,4 millóns, ao vender máis de 500 décimos de lotaría de Nadal do número 38.341, agraciado cun dos cuartos premios no sorteo deste 22 de decembro. 

Segundo explicou o seu responsable, Vicente López, a noticia da choiva de millóns pilloulle algo desprevido. "Xa non contaba con nada, pensei que xa non tocaba nada", sinalou, á vez que explicou que vendeu 52 series do número premiado, é dicir, 520 décimos. 


E é que a provincia de Pontevedra foi especialmente agraciada nun sorteo que comezou ao redor das 9.00 horas e que se prolongou até as 13.30 horas. Este ano celebrouse nun contexto marcado pola pandemia, sen público e cumprindo as medidas sanitarias, entre elas a distancia social entre os propios nenos que cantaron os distintos premios.

QUINTOS PREMIOS, PRIMEIROS EN SAÍR. Os máis madrugadores foron dous quintos premios, o 86.986 –o primeiro en saír– e o 37.023, que o fixeron pasadas as 09,15 horas e con apenas uns minutos de diferenza. 
O primeiro foi o máis repartido xa que foi distribuído nas localidades da Coruña, Oleiros, Bergondo, Vigo, O Porriño, Noia, Becerreá, O Carballiño, Ponte Caldelas e Caldas de Reis; mentres que o segundo vendeuse en Santiago de Compostela. 

 

Ao primeiro quinto premio sumáronse, no transcurso da mañá, outros dous que tamén tocaron en Galicia: o 19.371, que caeu en Lourenzá (Lugo), onde a administración de lotaría vendeu como na de Santiago, unha serie repartindo, en cada unha delas, 60.000 euros. Xa pouco antes de terminar o sorteo, saíu outro quinto premio, o 43.831, moi repartido tanto en Galicia como en España. 

E é que na comunidade autónoma galega vendeuse en Lugo, en Ourense, na cidade da Coruña e no municipio coruñés de Teo, no Carballiño e nas localidades pontevedresas de Ponteareas, Meis e Moraña, ademais da propia cidade de Pontevedra.

O GORDO, EN PONTEVEDRA. Esta provincia foi onde caeron a maioría dos premios, empezando polo Gordo, que saíu pasados dous minutos das doce do mediodía e que foi vendido no Porriño, no mesmo establecemento que repartiu un cuarto premio, repartindo 426.000 euros en premios; no Grove –só esta administración vendeu unha serie completa, o que supón un premio de 4 millóns–, e en Vigo, na Porta do Sol. 

A sorte tamén chegou ao municipio pontevedrés de Cambados, que repartiu, co 75.981 –xunto co Porriño– un cuarto premio. O outro, o 38.341, foi para Vigo, xunto con outras localidades españolas. 

Pero tamén Galicia tivo fortuna cun segundo e terceiro premio. O primeiro en saír foi este último, o 52.472, sobre as 11,30 horas, un número que se vendeu no caso desta autonomía só en Ourense. En canto ao segundo premio, que saíu pasadas a unha da tarde, o número 6.095 foi vendido en Ferrol, en concreto unha serie, segundo informa Lotarías do Estado, cun premio de 1.250.000 euros.