Luca Chao abandona os seus cargos na dirección de Podemos Galicia

"Logo de tres meses de silencio toca pór punto e final", explicou a exdeputada de En Marea e Grupo Común da Esquerda
Luca Chao. EFE
photo_camera Luca Chao. EFE

A exdeputada de En Marea e Grupo Común da Esquerda Luca Chao anunciou que abandona os cargos que ostentaba na dirección de Podemos Galicia logo do desastre electoral de Galicia en Común nas eleccións do pasado 12 de xullo.

Chao anunciou esta decisión a través dunha mensaxe publicada no seu perfil de Facebook tras dunha tempada de pensar "e escoitar" durante este verán logo de un "golpe electoral tan grave" como o sufrido pola coalición na que concorría que quedou sen representación no Parlamento galego.

Tras o que denomina como "unha hecatombe" opta por abandonar o seu cargo de responsable de política municipal na formación morada.

“Logo de tres meses de silencio toca pór punto e final”, polo que cesa de todas as súas “responsabilidades en Podemos Galicia”.

A exparlamentaria explica que toma esta decisión entendendo que “a política activa ten que ser un lugar de paso”.

Mentres continúa co seu doutoramento, Chao emprendeu a procura de emprego. "Quen saiba de ofertas laborais, que me escriba", sinala no texto.

A marcha de Luca Chao é o segundo abandono dun dos referentes do denominado 'rupturismo' en Galicia despois de que o exalcalde de Santiago, Martiño Noriega, tamén dese un paso atrás para reincorporarse ao sistema sanitario como médico de familia.

Mentres tanto, Antón Gómez-Reino e Eva Solla, continúan como líderes de Podemos e Esquerda Unida, á espera de que as formacións celebren sendas asembleas de reflexión tras a derrota electoral de hai tres meses.

Comentarios