Luís Villares di que a súa "cadeira" en En Marea "está ben afincada" 

Reivindica o partido como "un valor en alza" ► Afeou a "irresponsabilidade" do Executivo autonómico á hora de enfrontar o conflito aberto cos funcionarios de Xustiza

 

Luís Villares.LAVANDEIRA JR
photo_camera Luís Villares.LAVANDEIRA JR

O portavoz de En Marea, Luís Villares, reivindicou a súa formación como "un valor en alza" na que a súa "cadeira" como líder "está ben afincada", á vez que engadiu que o seu protagonismo como cabeza visible é compartido con outras figuras do espazo da esquerda rupturista como os alcaldes das 'mareas' que gobernan cidades como Ferrol, A Coruña e Santiago. 

"Luís Villares é un máis que lle corresponde ser o portavoz do espazo político de En Marea. Todo En Marea de arriba abaixo está orgullosa do traballo que fan todos os nosos concellos. Somos todas as voces e unha soa voz", asegurou este domingo na Cadena Ser. 

Así, cuestionado sobre o enfrontamento que mantivo esta semana na Cámara galega co presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, quen volveu profundar nos problemas internos de En Marea para atacar a Villares, este último indicou que "a súa cadeira" como portavoz "está ben afincada". 

Ademais, cre que En Marea non está a sufrir o desgaste que se percibe a nivel estatal na esquerda rupturista, coa caída nas sondaxes de Unidos Podemos e as súas confluencias. "En Marea é un valor en alza, e cando veñan as enquisas no ámbito galego veremos que isto é así", apostilou.

VE "DECEPCIÓN" NO ELECTORADO CON FEIJÓO. "Hai un descontento coas políticas o goberno de Feijóo. Eles presumen que a crise xa pasou e a xente pregúntase por que non vivimos mellor", asegurou Villares, que afeou a "irresponsabilidade" do Executivo autonómico á hora de enfrontar o conflito aberto cos funcionarios de Sustiza, en folga indefinida desde o pasado mércores. 

Por outra banda, defendeu que a oposición no Parlamento galego está a demostrar que existe "unha alternativa" ao PP grazas ao seu traballo conxunto en asuntos "chave" como as protestas pola reforma do sistema sanitario. 

"Temos boa sintonía en moitos temas que afectan o país, en sanidade, con acordos a nivel municipal para aprobar orzamentos, creo que iso é positivo, é unha boa mensaxe que transmitimos á sociedade, que hai unha alternativa ao PP e que somos capaces de pornos de acordo; por En Marea non vai quedar", concluíu o maxistrado en excedencia. 

Comentarios