Luís Villares, "insatisfeito" pola falta de resolución do caso Quinteiro

O líder de En Marea asegura que preferiría que a "interpelada asumise a súa responsabilidade con madurez política"

Luis Villares y la diputada Paula Quinteiro a la salida de la reunión del grupo de En Marea. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Luis Villares y la diputada Paula Quinteiro a la salida de la reunión del grupo de En Marea. XOÁN REY (EFE)

O portavoz de En Marea, Luís Villares, lamentou que a deputada Paula Quinteiro non "asumise a súa responsabilidade con madurez política desde un primeiro momento", en relación ao altercado no que se viu implicada coa Policía Local de Santiago, e polo que o líder da formación instouna a dimitir. Nunha entrevista na Cadena Ser, o portavoz de En Marea recoñeceu estar "insatisfeito" pola falta de resolución neste caso.

Luís Villares apelou ao compromiso ético da coalición para esixir a dimisión da deputada. "Preferiría que a persoa que foi no seu momento interpelada asumise a súa responsabilidade con madurez política desde un primeiro momento. Neste sentido, pois a insatisfacción é evidente", recoñeceu.

Aínda así, matizou que "o importante é que a partir dese momento se abren as vías procedimentales que están previstas estatutariamente". Tras aludir ao proceso que rexe a formación para decidir sobre a posible dimisión de Quinteiro, remarcou: "Todos e todas temos que respectalo, só faltaba". 

Villares: En todos os espazos políticos, en todas as familias e relacións con persoas, hai conflitos, o importante é como se solucionan

Pero Villares tamén quixo minimizar as consecuencias das diferenzas internas que se produciron en torno ao incidente de Paula Quinteiro, asegurando que "en todos os espazos políticos, en todas as familias e relacións con persoas, hai conflitos, o importante é como se solucionan". 

Neste sentido, engadiu que "en Marea ten a obrigación de solucionar con intelixencia política" o conflito e móstrase convencido de que "ao final, non defraudará nin aos seus votantes, nin ás súas bases, nin ao conxunto da cidadanía". 

Villares sostén que a súa dimisión, como líder de En Marea, non é unha cuestión que teña sentido neste momento, insinuando que "quen debe asumir responsabilidades é quen non cumpre cos seus compromisos éticos". Tamén resolveu as preguntas sobre a súa responsabilidade á fronte da formación argumentando que "o liderado de En Marea non é o do PP", porque non se exerce "a golpe de martelo" como o dos populares. 

O portavoz de En Marea confronta a "transparencia e ética radical" da súa formación coa "opacidade e ausencia de explicacións" do PP 

Neste caso, o portavoz de En Marea recorre a confrontar a forma de actuar da súa formación coa do PP, como modo de exemplificar a súa "transparencia e ética radical", fronte á "opacidade e ausencia de explicacións" que atribúe aos populares. Por isto, Villares dirixe as súas críticas ao PP, argumentando que a súa situación é "moito máis complicada" co caso Gürtel a piques de que se coñezan as sentenzas e o caso Cifuentes. "O modelo do PP é no que o presidente Feijóo se permite, nunha televisión de ámbito estatal, asegurar que as fotos con Marcial Dorado pasoullas un delegado do goberno" e non dar explicacións sobre ese suposto "trato de favor que dispensa unha administración gobernada polo PP", engadiu. 

JUAN MERLO. É máis, Villares contrapuxo a "celeridade e a contundencia" coa que actuou o xa exdeputado autonómico Juan Merlo, tras coñecerse que falseou o seu currículo académico, nunha "decisión que lle honra", á vez que "pon o listón do espazo político moi alto". 
En todo caso, tómase con calma o proceso de Quinteiro e di que "máis pronto que tarde haberá unha resolución da crise" e mostrou a súa confianza en que, "por suposto", será "antes do verán"

En Marea é un proxecto que ten moitísimo futuro, moitísimo futuro. Ten todo o futuro que a cidadanía decida outorgarlle

O caso destapou as rifas dentro da organización, con duras críticas por parte da secretaria xeral de Podemos, Carmen Santos, á que Villares advirte que son os inscritos os que teñen a última palabra sobre o futuro de En Marea. "En Marea é un proxecto que ten moitísimo futuro, moitísimo futuro. Ten todo o futuro que a cidadanía decida outorgarlle. Ninguén pode arrogarse a decisión sobre o futuro ou non futuro, ten que ser a cidadanía e ademais a xente que está a traballar, que, por certo, faino moi entregadamente con independencia de cal fose o seu espazo de procedencia", agregou. 

Villares respondeu tamén a aqueles alcaldes que criticaron a falta de compromisos coas mareas municipais, replicando que En Marea está "envorcada en afianzar este espazo a nivel local". 

FOLGA DA XUSTIZA. O líder de En Marea e maxistrado en excedencia tamén se referiu á folga dos funcionarios de xustiza da administración galega, con duras críticas a Alfonso Rueda e a Feijóo, aos que definiu como "absolutamente irresponsables" por non pór fin a unha folga "por apenas 10 euros de diferenza" e por "permitir unha protesta que supuxo a anulación de 20.000 actuacións xudiciais" despois de que o Parlamento recoñecese en decembro por unanimidade que as reclamacións eran "xustas e lexítimas". 

Comentarios