Luz verde da USC ao primeiro grao aberto, impulsado desde o Campus de Lugo

A proposta combina materias de ata cinco graos, nos que o estudiantado poderá cursar 90 créditos cun recoñecemento mínimo de 60 créditos cursados na opción elixida
Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo. SEBAS SENANDE
Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo. SEBAS SENANDE

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e a Facultade de Ciencias do Campus de Lugo impulsan o primeiro grao aberto da Universidade de Santiago de Compostela. O Consello de Goberno aprobou este venres a proposta, que busca avanzar no obxectivo de lograr unha maior eficiencia no uso de recursos e, ao mesmo tempo, ampliar as posibilidades de elección do alumnado. 

Deste xeito, a institución compostelá dá os primeiros pasos para contar o próximo curso académico con esta nova modalidade, unha experiencia piloto que permitirá aos alumnos escoller entre materias de varias carreiras antes de decidirse por unha vía definitiva. Galicia sería o terceiro territorio do Estado en contar cunha proposta deste tipo. 

O obxectivo destes graos abertos, anunciados pola Xunta durante a inauguración do curso académico, é paliar as cifras de abandono de estudos universitarios, que alcanza ao 20 por cento no caso dos estudantes de primeiro ano e os 1.200 que cambian de carreira durante os dous primeiros cursos do seu grao. 

A proposta da USC combina materias de ata cinco graos, nos que o estudiantado poderá cursar 90 créditos cun recoñecemento mínimo de 60 créditos cursados no grao finalmente elixido. Así mesmo, na fase de implantación, o número de prazas ofertadas para cada programa será de dez e permitiría a constitución dun grupo propio de docencia interactiva.

 A oferta deste grao na rama de 'Enxeñaría e Arquitectura' permitirá presentar un sistema máis amplo e competitivo

Así o informa a institución compostelá nun comunicado, no que destaca que a oferta deste grao na rama de 'Enxeñaría e Arquitectura' permitirá presentar un sistema máis amplo e competitivo para favorecer a atracción de estudantes doutras comunidades e mellorar o intercambio.

MENCIÓN DE EXCELENCIA. Doutra banda, a USC concorrerá á convocatoria da Xunta para a concesión de mención de excelencia a titulacións de mestrado con Enxeñaría ambiental, Enxeñaría química e de bioprocesos; o interuniversitario en Investigación química e química industrial; Matemática Industrial e Psicoloxía Xeral Sanitaria. 

Ademais, deuse o visto e prace á proposta para concorrer ás axudas Beatriz Galindo convocadas pola Secretaría de Estado de Universidades, Investigación, Desenvolvemento e Innovación e destinadas á atracción do talento investigador. 

Tamén aprobou o plan económico-financeiro do período 2019-2020 e acordouse iniciar os trámites para a cesión da Casa de Jimena e Elisa Fernández de la Vega, entre outras cuestións. 

Comentarios