
A raíña Letizia puido coñecer este mércores o CIFP Politécnico de Santiago onde procedeu á apertura oficial do curso e mostrou unha gran curiosidade pola aula de madeira, na que non dubidou en palpar algunha das pezas; así como polos brazos robóticos e tamén polo xeito de fabricar que permite a impresión 3D.
José Manuel Leis Blanco, director deste centro situado no número 133 da compostelá Avenida Rosalía de Castro, expresou a súa satisfacción pola "proximidade impresionante" mostrada pola monarca e contou á prensa que, coa distancia interpersoal á que obriga a pandemia, houbo incluso selfies con alumnos que querían, móbiles en man, inmortalizar este día.
"A raíña estivo moi próxima. Deunos moitas facilidades. Encantáronlle os brazos robóticos; tamén o tema da madeira, que é moi bonito, e puido ver algunhas construcións; e as posibilidades da técnica 3D, do mesmo xeito que todo o referente á reciclaxe de plástico para que volva ser funxible".
O politécnico, en funcionamento desde 1967, acolle cada ano a máis dun milleiro de alumnos, –1.300 é o seu tope máximo–, e son 107 os docentes.
No estudo de empregabilidade que eles mesmos elaboran comproban que, en xeral, aos catro meses de terminar os estudos o 70-75% do alumnado xa conseguiu un posto de traballo no mercado laboral.
Leis Blanco destacou que tal feito non é baladí pois débese, na súa opinión, a que están en contacto permanente co mundo empresarial.
Por iso, e non en balde, a primeira parada do percorrido deste mércores, despois do descubrimento da placa conmemorativa, foi con representantes das firmas Televés e Finsa.
Na biblioteca, a raíña, a ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participaron activamente nun coloquio xunto a estes empresarios e, dos previstos, este foi o acto de maior duración.
Nesa entrevista estiveron tamén o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, entre outras autoridades, xunto a unha alumna actual e a unha ex alumna que está empregada en Aluminios Cortizo.
A raíña, que saudou en varias ocasións coa man e que foi recibida á súa chegada por estudantes do Ciclo Medio de Operacións de Laboratorio enfundados en batas brancas, visitou así mesmo o laboratorio de química no que foi informada os proxectos e actuacións de maior relevancia, aparte, por suposto, das técnicas PCR; e o taller de automatización e robótica industrial, espazo no que non ocultou o seu interese pola chamada revolución intelixente.
Leis Blanco compartiu que as distintas conversacións que foron xurdindo ao longo de toda a ruta programada foron "moi fluídas" e que a Raíña estivo "súper próxima".
Seis son as familias profesionais que poden cursarse nesta institución educativa: Electricidade e Electrónica; Fabricación Mecánica; Instalación e Mantemento; Madeira, Moble e Cortiza; Química, e Transporte e Mantemento de Vehículos.
Os alumnos, sobre todo aqueles que afrontan o seu primeiro ano, dixeron aos medios de comunicación alí congregados que están moi contentos coa educación presencial e que esperan que o virus causante dunha crise sanitaria que afecta o mundo lles permita culminar o curso baixo esa modalidade.
A pesar de todas as medidas adoptadas para evitar a propagación do axente infeccioso, a maioría coincidiron en que é inevitable ter medo, sobre todo de contaxiar aos seus familiares, sentimento que, con todo, combaten cun "malo será" unánime.