En Marea advirte das consecuencias de ter un presidente "soberbio e xordo"

O portavoz de En Marea critica que Feijóo permitise que "dez días despois de que deixe de chover, volvan os incendios ao noso país"

Luis Villares, en rolda de prensa este luns. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Luis Villares, en rolda de prensa este luns. PEPE FERRÍN (AGN)

O portavoz de En Marea, Luís Villares, alertou este luns sobre as consecuencias que pode ter para o territorio galego contar cun presidente da Xunta "soberbio e xordo", como Alberto Núñez Feijóo, que permite que "dez días despois de que deixe de chover, volvan os incendios ao noso país".

"Esa é a situación que temos despois da vaga de incendios de outubro, da que o Partido Popular, co presidente xordo Núñez Feijóo á cabeza, non aprendeu nada" demostrando "a absoluta incapacidade do Goberno galego para facer fronte ás problemáticas que afectan o monte e ao conxunto do territorio en Galicia".

"Pasou todo o inverno sen que a Xunta de Galicia fixese absolutamente nada para (evitar) que a dramática situación vivida o pasado outubro se volva repetir", lamentou Villares.

Segundo remarcou, fronte á oportunidade perdida que representa Núñez Feijóo, En Marea tentará achegar solucións coa xornada parlamentaria "Territorio Queimado, Territorio Silenciado" que celebran este venres no Hórreo.

Nesa cita, En Marea pretende "dar voz" aos sectores que "non foron escoitados" na comisión parlamentaria iniciada tras os incendios forestais do pasado outubro, de forma que o informe que En Marea presente para o ditame do organismo, que debe estar listo antes do mes de xuño, recollerá as conclusións desta xornada.

Villares anunciou que mesmo estudia incluílas mediante un voto particular xa que ve necesario que os acordos que se obteñan tras a comisión sexan transversais.

CONSULTA IGLESIAS / MONTERO. Sobre unha posible consulta sobre os dirixentes de Podemos Pablo Iglesias e Irene Montero, Villares apelou a escoitar a "decisión das bases" que son as "que nunca se equivocan".

"A nós sempre nos pareceu unha solución positiva preguntarlle ás bases. Para En Marea a opinión máis respectable é a dos inscritos, ningunha opinión particular debería estar por riba do conxunto", opinou Villares. 

Comentarios