Martín Tena, o creador de contido galego que tornou viral

Durante os últimos anos, o youtuber Martín Tena converteuse nun dos mozos galegos máis exitosos en redes sociais
MPortada
photo_camera O creador de contido Martín Tena. INSTAGRAM @martintena9

O mundo das redes sociais invadeu por completo o territorio galego. Os mozos sábeno ben: cada día son máis os que obteñen ingresos da Rede, moitos deles sendo recoñecidos en todo o país e incluso fóra. Falamos de traballos como a creación de contido en plataformas como Youtube ou Instagram, que pode realizarse para un perfil persoal -os popularmente coñecidos como influencers- ou para unha empresa ou organización allea -o oficio do community management, unha das profesións con maior futuro-.

Martín Tena é de Vigo e ten unha canle de Youtube que se achega aos 400.000 subscritores. Nunha entrevista concedida a Grupo El Progreso admitía que sempre lle fixo ilusión o feito de ter a súa propia canle, pero nunca soubo "como empezalo". Hai tres anos tivo a ocasión de estudar durante un ano en Estados Unidos, e decidiu comezar a subir vídeos da súa rutina no estranxeiro e de todas as súas viaxes, entre os que se atopan destinos como Nova York, Chicago ou Los Ángeles. Foi nesta última cidade na que -concretamente en xuño de 2017, ao final do seu ano académico- experimentou unha subida de audiencia no seu contido. "Durante todo o ano conseguira mil subscritores, e unhas horas despois de chegar a California vin que acadara os cinco mil. Ademais, un dos meus vídeos -no que explicaba como era o meu día a día en Estados Unidos nunha xornada normal de instituto- comezou a viralizarse, e hoxe en día ten máis de 6,7 millóns de visitas".

En total, os clips de Martín acumulan preto de 18 millóns de visitas

A pesar do gran alcance dos seus vídeos, Martín sempre tivo claro que, para el, isto é un hobby. "Eu creo que en tempos futuros seguirei coa canle, pero subindo soamente as miñas viaxes e o que me faga ilusión para xerar recordos, sen publicar sempre un vídeo cada semana. A realidade é que desde que volvín de EE.UU cústame moito decidir que tipo de contido subir, e estou a 'intentar sobrevivir', pero non teño tantas ideas". Aínda así, non descarta enfocar a súa carreira profesional cara á súa propia persoa. "Tamén seguirei publicando a miña vida máis persoal nalgunha rede social como Instagram. A día de hoxe, os meus instastories teñen incluso máis visualizacións que os meus vídeos en Youtube".

"Moita xente ten idealizado o feito de 'vivir das redes sociais', pero é moi complicado"

Outro punto importante para o mozo é que "moita xente ten idealizado o feito de 'vivir das redes sociais', e a realidade é que resulta moi complicado. Polo menos eu, cun alcance de medio millón de persoas entre todas elas non vivo disto, nin moitísimo menos. Para iso tes que contar con millóns de seguidores e intentar expandir a túa imaxe creando marcas ou produtos ao redor da túa persoa. De todos os xeitos, sempre é unha fonte de ingresos e iso está ben", sostén. Doutra banda, recalca que o proceso de gravar e editar correctamente un vídeo "non é ningunha broma" e leva un gran número de horas.

"Gozo moito con este mundo, e de feito estou estudando unha carreira en Madrid moi relacionada con el -Comunicación Digital y Publicidad y Relaciones Públicas en inglés-", afirma. Por iso, tampouco descarta verse traballando no departamento de dixital dalgunha empresa que lle guste e "viaxando moito". "Xa que é moi difícil vivir de subir vídeos de viaxes polo menos gustaríame ter un traballo que implicase viaxar. Creo que, de feito, unha das razóns polas que me gustan tanto as redes é porque me abren as portas a coñecer xente e mundo", asegura.

O seu "¡Buenos días, mundo!" alcanzou -case na súa literalidade- a todo o mundo, pero este mozo galego posúe aínda máis aspiracións na vida: formarse e competir entre unha das xeracións mellor formadas da Historia.

Comentarios