Un matrimonio de Corcubión recupera 88.764 euros en accións do Popular

As participacións foran compradas en 2015 a través doutra entidade
Oficina del Banco Popular. EFE
photo_camera Oficina del Banco Popular. EFE

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 2 de Corcubión (A Coruña) ditou sentenza a favor dun matrimonio da localidade que perdera os seus aforros investidos en accións do Banco Popular adquiridas en varias compras realizadas desde o ano 2015 a través doutra entidade, Abanca.

A sentenza foi difundida polo despacho Solvendi Avogados, que explica que o matrimonio adquirira por importe de 88.764 euros acciones de Banco Popular en varias compras durante os anos 2015 e 2016.

Recorda que en xuño de 2017, o Banco Central Europeo "declarou inviable á entidade Banco Popular" acordando a resolución por parte da xunta única de resolución e "anunciando o FROB a súa venda a Banco Santander polo prezo de 1 euro, amortizando todas as accións do Banco Popular que pasaron a valer cero euros, perdendo así os accionistas a totalidade do valor do seu investimento".

A pesar de que as accións do Popular foron adquiridas a través doutro intermediario, o xuíz considera que o Banco Santander debe "responder as falsidades e/ou manipulacións das contas anuais, informes semestrais e folleto informativo publicados durante os últimos anos por Banco Popular".

"A IMAXE NON ERA DE POSIBLE QUEBRA"

"A imaxe que transmitía a entidade non era dunha posible quebra; pola contra, expúñase unha evolución positiva, en termos claramente favorables aos investidores", alega o fallo.

Engade que no documento de conclusións relativas ao aumento de capital incluíase: "A partir de 2017 seremos capaces de acelerar gradualmente o retorno a unha política de dividendos en efectivo para os nosos accionistas mentres continuemos reforzando os nosos cocientes de capital".

Así as cousas, ao considerar o xuíz que Banco Popular ofreceu unha información "inexacta" nas contas presentadas, estima a demanda e impón ao Banco Santander, ademais, as costas xudiciais.