A Mesa pide á Xunta que "atenda" o informe da Onu sobre os dereitos dos galegofalantes

O texto sinala que existen "importantes carencias" nos ámbitos da xustiza, da administración pública e do ensino

O presidente da Mesa pola normalización lingüística, Marcos Maceira. AEP
photo_camera O presidente da Mesa pola normalización lingüística, Marcos Maceira. AEP

A Mesa pola Normalización Lingística remitiu un escrito ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no que solicitan que o Goberno galego "atenda" o informe preliminar da Onu que sinala a existencia en Galicia de "vulneracións" dos dereitos lingísticos dos galegofalantes.

O informe preliminar, presentado a pasada semana, foi elaborado por Fernand de Varennes, relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. O documento final será presentado en marzo de 2020. 

Así, segundo recorda A Mesa, entidade que colaborou co relator na redacción do informe, as conclusións preliminares apuntan que en Galicia se producen "importantes carencias" en relación aos dereitos lingísticos no Estado, concretamente nos ámbitos da xustiza, da administración pública e do ensino. 

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, sinala que "todas" as carencias sinaladas no informe de De Varennes están "relacionadas con Galicia e coa súa lingua propia, o galego". "Todas elas na orixe das importantes mobilizacións sociais dos últimos anos en defensa do noso idioma", engade. 

Por iso, insta o Goberno galego a tomar nota para "cumprir os estándares internacionais" fixados na Declaración universal dos dereitos lingísticos, na Carta europea das linguas rexionais ou minorizadas e do recente Protocolo para garantía dos dereitos lingüísticos de 2016, así como as propias normas de Galicia para protexer a súa lingua propia. 

"A garantía do exercicio dos dereitos democráticos contemplados nestes documentos é imprescindible para avanzar na normalidade lingística, o que inclúe ás institucións públicas galegas e estatais e de forma particular, por mandato estatutario, á Xunta", aseverou Maceira. 

Comentarios