Miguel Tellado: "As eleccións en Galicia tocan tras o verán"

O secretario xeral do PPdeG resta credibilidade aos resultados do CIS e ironiza sobre eles dicindo que "se Gonzalo Caballero está contento, eu tamén"
Miguel Tellado. PEPE FERRÍN
photo_camera Miguel Tellado. PEPE FERRÍN

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reafirmouse este venres en que as eleccións autonómicas "tocan despois do verán, en setembro" e engadiu que "o calendario" que manexan os populares é o de "traballar, traballar e traballar" por Galicia "até o último día da lexislatura". 

"O noso calendario é seguir traballando para que en Galicia a campaña só dure 15 días", esgrimiu Tellado, quen se remitiu ao escenario estatal, convencido de que os españois o que queren é que o Goberno "goberne". "En Galicia conseguímolo dez anos e pretendemos seguir facéndoo en 2020", remarcou. 

"Queremos garantir que hai un Goberno que se levanta ben cedo para gobernar con certidumbre e estabilidade nesta España de Sánchez da inestabilidade brutal", asegurou Tellado, quen exemplificou coa demanda dos 200 millóns do IVE. 

Así, pediu ao Goberno central que actúe "con lealdade". "Xa acabou a campaña, agora toca gobernar e resolver os problemas que crearon os propios socialistas, como a débeda. Que non poña en perigo os servizos públicos, a estabilidade financeira nin o emprego industrial en Galicia", pediu a Sánchez. 

CIS. Sobre os últimos datos do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), segundo os que o PSOE ampliaría o seu respaldo en Galicia após a formación de Goberno, Tellado puxo en dúbida a súa credibilidade. 

"A enquisa do CIS de (José Félix) Tezanos defínese por si soa. Non participarei na estratexia do PSOE, se os socialistas están contentos coa súa situación, encantados da vida, mellor para todos", remarcou o dirixente popular, após ser preguntado en rolda de prensa. 

"Se Tezanos quere seguir desprestixiando o CIS, que dicir? Que adiante. É unha enquisa cuestionada por todos os profesionais que se dedican á socioloxía no noso país, pero se Gonzalo Caballero está contento, eu tamén", concluíu, convencido de que "moitos cidadáns" non están satisfeitos con que o PSOE "pactase con quen dixo que non o faría".