Alerta amarela por neve e mínimas baixo cero na montaña de Lugo e Ourense

En Pedrafita do Cebreiro circúlase "ben" malia as nevaradas, que si condicionan o tráfico na A-52 na Gudiña

Nieve en A Gudiña. BRAIS LORENZO
photo_camera Nieve en A Gudiña. BRAIS LORENZO

Coas zonas de montaña de Lugo e Ourense en alerta amarela por acumulacións de 5 centímetros de neve este martes, a temperatura mínima da xornada en Galicia rexistrouse no municipio ourensán da Veiga, con catro graos baixo cero.

Segundo os rexistros de Meteogalicia, recollidos por Europa Press, os termómetros contabilizaron este martes valores negativos significativos en municipios con altitude maior de 900 metros nas provincias de Ourense e Lugo. 

Deste xeito, ademais dos -4ºC da Veiga, alcanzáronse os -3,5ºC en Carballeda de Valdeorras (Ourense); os -2,1º en Pedrafita do Cebreiro (Lugo) e os -2º na localidade luguesa de Cervantes.

VENTO. En canto ao vento, na madrugada deste martes alcanzou os 100,3 quilómetros por hora no municipio costeiro de Cedeira (A Coruña) e nas primeiras horas da mañá o 89,1 km/h en Viveiro (Lugo). 

En canto aos municipios de montaña, o vento deixou refachos nas primeiras horas da mañá de 98,2 quilómetros por hora en Cervantes (Lugo), 73,8 en Carballeda de Valdeorras (Ourense) e 73,6 no municipio ourensán de Muiños.

Este martes até as 9,00 horas estaba activado o aviso amarelo por vento no mar na Mariña luguesa e no noroeste do litoral da provincia da Coruña por vento do suroeste con intervalos de forza 7. 

Problemas en la A-52
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) recomenda circular con precaución este martes pola autovía A-52 na zona da Gudiña (Ourense) e arredores debido á presenza de neve. 

Así o explicaron a Europa Press fontes da DXT, que puntualizaron que na mañá deste martes hai nivel verde, o que aconsella circular con precaución e non adiantar a camións no tramo entre os quilómetros 135 e 90 da A-52 na provincia de Ourense. 

Tamén persiste o aviso por meteoroloxía adversa na estrada provincial OU-122 á altura de Casaio por nevada entre os quilómetros 20 e 26,7 en ambos os sentidos cara ao límite coa provincia de Zamora. 

Mentres, na provincia de Lugo, concreta a DXT, "circúlase ben" a pesar de nevadas rexistradas en zonas como Pedrafita do Cebreiro. Neste municipio hai aviso por circulación irregular desde o quilómetro 0 da LU-633, onde está prohibido o paso de camións e vehículos articulados.