Morre carbonizado o condutor dun coche que se incendiou tras un accidente en Ferrol

O suceso ocorreu a última hora do domingo

Un home, pendente de identificar, faleceu na noite do domingo en Ferrol como consecuencia dunha saída de vía do vehículo que conducía no límite entre este municipio e o de Narón (A Coruña).

Fontes da Garda Civil comunicaron este luns que o suceso se desencadeou no primeiro quilómetro da estrada AC-116, nas inmediacións do inicio da autovía que une a cidade ferrolá coas Pontes (A Coruña) e a provincia de Lugo. O incidente aconteceu así ao redor das 23:05 horas na zona de Catabois.

O turismo, un Daewoo Lanos que circulaba en sentido a Ferrol, sufriu un incendio tras o citado accidente, engadiu o Instituto Armado na súa información.

"O condutor e único ocupante do vehículo resulta falecido", destacou este corpo na nota, para aclarar a continuación que a única vítima permanece "sen identificar" ao quedar o seu corpo "carbonizado" e en espera "de probas forenses" que determinen a identidade.

As dilixencias correspondentes ao suceso, que mobilizou a Policía Local de Ferrol e Garda Civil, ademais da bombeiros ferroláns e naroneses, foron remitidas ao xulgado de garda ferrolán.