Multado con 540 euros por perseguir a unha moza de 17 anos en Pontevedra para tocarlle o cu

O acusado, que padece unha discapacidade psíquica, tampouco poderá achegarse á vítima

O xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenará a pagar unha multa de 540 euros por un delito de abuso sexual a X.P.G., un home que admitiu seguir a unha adolescente de 17 anos pola rúa e tocarlle o cu. 

Ademais, coa conformidade do acusado coa sentenza, imporáselle unha orde de afastamento que lle impedirá achegarse á moza afectada. 

O acusado, que presenta unha discapacidade psíquica, recoñeceu este mércores os feitos e beneficiouse dunha redución da petición de condena solicitada pola Fiscalía que inicialmente reclamaba unha pena de sete meses de multa a razón de seis euros ao día. 

Foron varias as ocasións nas que o acusado, que presenta unha discapacidade psíquica, perseguiu á moza

Segundo sostén o representante do Ministerio Público no seu escrito de acusación, e tal e como admitiu o procesado, foron varias as ocasións nas que seguiu á moza de 17 anos por distintas rúas de Pontevedra.

O relato da Fiscalía sinala que o día no que se produciu o manoseo, o 16 de novembro de 2017, a moza dirixíase cara ao instituto no que estuda cando a tocou "co propósito de satisfacer o seu apetito sexual", momento no que a moza berrou alertando a unha muller que camiñaba preto deles e provocando a fuxida do home. 

O xulgado do Penal número 3 de Pontevedra ditará sentenza firme nos mesmos termos nos que se acordou a conformidade.