El tiempo
martes. 31.01.2023
El tiempo

Nogueira leva ao xulgado as presuntas irregularidades das primarias de En Marea

Imagen de archivo de Villares en la sede de En Marea. AGN
Villares impúxose nas votacións. AGN

Pide depurar responsabilidades nun proceso que, opina, puido ser ilegal

Manuel Nogueira, membro da Comisión de Garantías e crítico coa dirección de En Marea, presentou unha denuncia no Xulgado de Instrución Número 3 de Ourense ante a existencia de presuntas irregularidades durante o proceso de primarias do partido instrumental, concluídas o pasado luns con vitoria da lista do actual portavoz, Luís Villares; uns resultados que a candidatura perdedora non recoñece. 

No escrito, ao que tivo acceso Europa Press, Nogueira relata que a coordinadora do partido, a través dun documento, informou o pasado 19 de novembro á Comisión de Garantías de que a asociación Openkratio estaba contratada para actuar como "autoridade independente" para auditar o proceso de votacións. 
Garantías, no que os afíns á dirección de Luís Villares teñen maioría, acordou levantar a suspensión temporal que pesaba sobre o proceso de primarias. Após esta decisión, o comité electoral fixou para o día 22 o inicio das votacións. 

No entanto, Openkratio decidiu non continuar actuando como auditora de En Marea, tarefa que desempeñaba até a pasada semana. Segundo fontes da asociación consultadas por Europa Press, Openkratio deu un paso á beira ao ser cambiada a plataforma de voto telemático, polo que non quixo operar como auditora no proceso de primarias ao non ter tempo para coñecer o novo sistema e, por tanto, desempeñar as súas funcións. 

Así as cousas, na súa denuncia, Manuel Nogueira reclama que se "depuren responsabilidades" dado que ten "constancia de que non existe contratación" da devandita entidade auditora e que, por tanto, "entende que todo o proceso ao non estar supervisado por unha empresa externa é ilegal ao ir en contra dos acordos plenarios (de En Marea)" e, ademais, pode constituír "un delito e ir contra a lei de partidos políticos". 

PRIMARIAS. A candidatura 'Coidando a Casa' liderada por Luís Villares venceu nas primarias de En Marea ao lograr case o 60% dos votos polo 40% obtido pola lista do sector crítico, 'Entre Todas', encabezada por David Bruzos. 

Así o reflicten os resultados provisionais que, á espera da proclamación definitiva, arroxan unha clara vitoria da lista do actual portavoz, que logrou 1.596 votos polos 1.098 da candidatura dos críticos, integrada por Podemos, Anova, EU e as mareas de Santiago, A Coruña e Ferrol. 

Deste xeito, cunha participación do 58% dos ao redor de 4.400 inscritos da organización, a lista de Villares copa 21 dos 35 postos do Consello das Mareas, máximo órgano de dirección entre plenarios do partido instrumental. Así mesmo, 'Coidando a Casa' tamén logra a totalidade do cinco postos da Comisión de Garantías. 

Minutos despois de coñecerse os resultados das votacións, a candidatura perdedora emitiu un comunicado no que pon a dúbida a limpeza do proceso de votación e reclaman "unha auditoría independente" ante "indicios claros de falta de imparcialidade". 

Na rolda de prensa na que se informou aos medios sobre o resultado das votacións, Daniel Conde, membro do comité electoral e afín a Luís Villares, sinalou que as votacións serán auditadas por unha "entidade pública" de "recoñecido prestixio". 

Segundo o calendario previsto, este mércores deberían coñecerse os resultados definitivos das primarias, aínda que o sector crítico está disposto a seguir adiante coas súas reclamacións e xa avanzou que un perito informático está a elaborar unha auditoría ante a suposta existencia de "graves fallos" de seguridade no sistema de votacións. 

Nogueira leva ao xulgado as presuntas irregularidades das primarias...
Comentarios