jueves. 21.10.2021 |
El tiempo
jueves. 21.10.2021
El tiempo

O amor 3.0

Juan Carlos Fernández e Adrià Alves, o día da súa voda. AEP
Juan Carlos Fernández e Adrià Alves, o día da súa voda. AEP

Os avances tecnolóxicos e as novas formas sociais deron pé a cambios importantes no xeito de vivir as relacións de parella

AS ÚLTIMAS DÉCADAS, a sociedade evolucionou de tal forma que é imposible imaxinarnos vivindo como hai anos. Non son iguais nin a nosa forma de traballar, de desprazarnos, de comer, de entreternos… Nin a de relacionarnos entre nós.

As relacións amorosas tampouco son como eran. Os matrimonios xa non son tan ríxidos: o peso do traballo non recae exclusivamente no home e o rol de ama de casa e criadora de nenos non o desempeña só a muller. Antes, a idade de casar e ter fillos roldaba os primeiros vinte, cando agora a maioría de mozos nesa etapa nin sequera poden independizarse. Os matrimonios concertados deron paso ao amor romántico. Os divorcios, que durante a ditadura franquista foran prohibidos —o casamento católico era moi estrito co de "ata que a morte vos separe"— recuperáronnse no 1981, permitindo acabar coas unións que xa non se desexaban. E no 2005, España foi o terceiro país no mundo en legalizar o matrimonio entre persoas do mesmo sexo.

Tamén mudaron as formas de atopar parella. Aínda que iso de acabar cunha persoa coñecida tras coñecela a través de intermediarios ou nalgún lugar de ocio —un bar, unha discoteca, unha verbena…— é algo que aínda acontece a día de hoxe, a tecnoloxía e os cambios sociais deron pé a novas formas de atopar a aquela persoa coa que compartir a vida. Chegamos a tal extremo que podemos chegar a coñecer xente sen sequera ter contacto físico, sen ter a necesidade de mirala á cara, grazas ás redes sociais.

AS TRES CES. Unha das cousas que máis se botan de menos da xuventude a medida que se van cumprindo anos é a desenvoltura para coñecer xente. Moitas persoas que con certa idade queren facer novas amizades veno ás veces moi complicado. Por iso, a psicóloga e sexóloga Ana Castro Liz organiza en Lugo eventos aos que bautizou como 'Las Tres C' —cita, cea e copa— nos que reúne persoas de entre 35 e 60 anos para que se coñezan mentras disfrutan dunha boa comida.

Moitas persoas de media idade que queren facer novas amizades veno moi difícil

José Manuel e Marisa participaron nalgunha destas reunións. El foi por primeira vez hai tres anos, e ela hai case dous. E en ambos casos non só saíron cun grupo de amigos, senón tamén cunha parella estable que manteñen ata o día de hoxe. "Eu estaba pasando un momento de soidade despois dun - ha profunda crise matrimonial que acabou en divorcio", comenta José Manuel. No caso de Marisa, quería coñecer xente, sen parella e da súa idade, coa que compartir bos momentos.

Estas veladas son unhas pequenas reunións, formadas por xente de idades semellantes, que comezan cunhas microentrevistas nas que os participantes van rotando para que todos se coñezan. Despois pasan a unha cea conxunta nas que interactúan. Ana Castro supervisa todo o proceso e axuda a que todos interaccionen con máis naturalidade. Para rematar, unha pequena charla axuda a afianzar esas relacións que acaban de xurdir.

Tanto José Manuel (que asistiu tan só a un destes encontros) como Marisa (que foi a dous ou tres, non o recorda) atoparon aí un grupo de amigos. O tempo deu lugar a que destes grupos tamén xurdira unha parella coa que ambos permanecen a día de hoxe.

Marisa non dubida en recomendar estas xuntanzas. "Depende de cadaquén, pero eu vexo moi positivas este tipo de citas. Estes eventos axudan a coñecer xente a aqueles que, nun momento dado, teñen dificultades para iso". José Manuel opina que en Lugo deberíanse organizar máis cousas así: "Creo que sería importante algún tipo de iniciativas permanentes, nas que a xente acudise a coñecer a novas persoas fóra dos circuítos habituais sociais da cidade. Estes eventos facilitan ese primeiro encontro á xente á que lle custa dar o paso".

Mónica Ceide. VICTORIA RODRÍGUEZ

VODA A CEGAS. Tamén probou algo diferente Mónica Ceide, que levaba dende moi nova buscando ao seu príncipe azul e acumulando varias relacións longas sen atopar o que ela buscaba: "Yo necesitaba a alguien en mi vida, soy una persona a la que le gusta vivir en pareja, con alguien que me quiera".

Cando ía anotarse nunha axencia matrimonial na que xa se contactara con anterioridade —e onde non tivo boas experiencias—viu de casualidade un anuncio do programa de televisión Casados a primera vista, no que buscaban xente interesada en casar cun completo descoñecido. "Llamé para interesarme y me contaron que me buscarían una pareja compatible y que había un alto porcentaje de posibilidades de que saliese bien; que harían varios tests, a mí y a otras personas, y que luego los cruzarían para buscar los perfiles que mejor encajasen. Yo pensé que era un chollo". Mónica estivo realizando tests durante catro meses para encontrar unha parella o máis afín posible.

Grazas á súa personalidade extrovertida conseguiu pasar todos os castings. E despois de varios meses de preparación, chegou o día da voda. "El día que me casé estaba tan emocionada como en mi primera boda. Me caían las lágrimas pensando que de verdad iba a encontrar al hombre de mi vida. Estaba tan convencida que en casa lo había dejado todo preparado pensando en que me iría a vivir con esa persona".

Mónica Ceide buscou o amor nun programa no que lle deu o "si" a un descoñecido

Pero en canto Mónica lle deu dous bicos e agarrou a man do seu futuro marido, deuse conta de que aquilo non funcionaría. Un presentimento que se cumpriu: "Fue un desastre porque yo iba a casarme, pero el que fue mi marido no. De hecho, al día siguiente de la boda admitió que lo nuestro no podía funcionar porque tenía novia. Me pareció muy ruin porque me engañó a mí, al programa y a todo el mundo". Aínda así, Mónica intentou por todos os medios conquistalo nos tres meses que quedaban de convivencia, "pero fui incapaz de conseguirlo".

Pero do que ela si está convencida é de que o modelo de Casados a primera vista é o ideal máis alá do programa. "En cuestiones de amor creo que hay que empezar la casa por el tejado. Deberíamos casarnos primero con una persona y después conocerla, porque a partir del matrimonio existe un plan de futuro que con un noviazgo puede que no haya". Por eso, encantaríalle volver ao programa para probar sorte de novo.

NA SAÚDE E NA ENFERMIDADE. Juan Carlos Fernández—vilalbés— e Adrià Alves—catalán— coñecéronse nun bar do centro de Barcelona o 11 de setembro de 2011, na Diada de Cataluña. Despois comezaron unha relación que os levaría a mudarse a vivir xuntos a mediados de 2012. O seu noivado era todo o que eles podían desexar, ata que unha mala nova truncou a súa tranquilidade.

A finais de 2014, A Adrià foille detectado un cancro en estado de metástase, un duro golpe que lles resultou moi difícil de asumir. "Foi unha situación moi complicada, pero cando queres a unha persoa tes que afrontar todo o que se che presente", comenta Juan Carlos. Dende entón, Adrià tivo que someterse a varias operacións, a quimioterapia e recibir unha forte medicación coa que continúa. Pero este revés serviulles para facer máis forte a súa relación. "Todo o que pasamos uniunos máis". Como proba diso, o pasado 22 de decembro contraeron matrimonio en Vilalba, nunha cerimonia íntima. "Tiñamos pensado casarnos hai tempo, pero por circustancias de traballo e os problemas de saúde tivemos que esperar". Este paso axudoulles a afianzar un compromiso que teñen moi presente: "No bo e no malo, na riqueza e na pobreza, na saúde e na enfermidade".

O amor 3.0
Comentarios