A oposición condena que se prohiba a 'estreleira' nos estadios galegos

A proposta do BNG para condenar estas prohibicións foi rexeitada cos votos do PP
Una estreleira. ARCHIVO
photo_camera Una estreleira. ARCHIVO

A oposición condenou este mércores na Comisión Institucional, de Administración Xeral, Interior e Xustiza do Parlamento de Galicia que se prohiba a entrada de símbolos identitarios galegos en estadios deportivos de Galicia e, concretamente, no Estadio Municipal de Pasarón, en Pontevedra.

Esta cuestión debateuse por mor dunha proposición non de lei do BNG -apoiada por PSdeG, Grupo Común da Esquerda e Grupo Mixto- para instar á Cámara galega a condenar estas prohibicións, unha iniciativa que foi rexeitada pola maioría absoluta do PPdeG.

O parlamentario popular Jacobo Moreira xustificou a posición do seu partido argumentando que "poucas actividades como o deporte teñen a capacidade de xuntar á xente ao redor daquilo que a une, máis aló de divisións raciais, relixiosas ou políticas", polo que os símbolos políticos "non teñen cabida en espazos onde se desenvolvan espectáculos deportivos".

"Se certos clubs requisan certas bandeiras, algunha motivación haberá, non son decisións arbitrarias", proseguiu Moreira, quen entende que "se o Pontevedra C.F. decide que non pode entrar unha bandeira cunha estrela vermella non o fai porque sexa perigosa, senón que o fai en función dos datos que manexa".

Para rematar, o deputado do PPdeG sinalou que os afeccionados deportivos "son masas de xente difíciles de xestionar, sobre todo cando ven condicionados por factores externos" e que "na pirámide de prioridades, a protección dos espectadores está na base, é o principal".

O relator da proposición non de lei, o parlamentario do BNG Luís Bará, recordou que a Lei 19/2007 contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte "non dá ningunha atribución aos clubs deportivos para prohibir nada".

"Vostede pode facer o maior canto ao deporte como elemento de cohesión, pero non pode acompañalo cunha agresión á democracia: a democracia é moito máis grande que o deporte", engadiu.

Luís Bará fixo fincapé en que no Manual sobre Simboloxía no Deporte da Comisión estatal contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte no que aparecen símbolos prohibidos "aparecen centos de bandeiras fascistas, pero ningunha bandeira nacionalista galega, a estreleira ou o escudo deseñado por Castelao".

Pola súa banda, a deputada do PSdeG Patricia Vilán sinalou que a condena desta prohibición "ten que ver coa protección de liberdades públicas e dereitos fundamentais fronte a unha interpretación restritiva e abusiva da lei por parte dunha entidade privada que, como todos os clubs, recibe subvencións públicas".

"Unha bandeira cunha estrella vermella nin é violenta, nin implica xenofobia nin implica intolerancia", insistiu Vilán, quen entende que os clubs "non teñen capacidade para interpretar as normas e decidir se a actitude de determinadas persoas é contraria á lei 11/2007".

Mentres tanto, a parlamentaria do Grupo Común da Esquerda Carmen Santos lamentou que símbolos "que tanto custou defender e conseguir que se puidesen mostrar" non poidan ser utilizados "aludindo a realidades e a un clima de suposta violencia e crispación que non existe".

Para rematar, o portavoz do Grupo Mixto, Luís Villares, denunciou "un abuso da potestade sancionadora" á hora de establecer multas ás persoas que portan unha estreleira -a bandeira galega con franxa azul e estrela vermella-, que ademais "é a bandeira oficial de varios partidos e do sindicato maioritario en Galicia, a Confederación Intersindical Galega (CIG)".

Comentarios