A oposición galega carga contra uns PGE "antisociais" e o PP urxe a súa aprobación

As pensións, "insuficientes" para En Marea, PSdeG e BNG

PresupuestosMontoro
photo_camera PresupuestosMontoro

A oposición en Galicia cargou este mércores contra o proxecto de lei de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2018 aprobado polo Consello de Ministros ao soster que son antisociais porque non contribuirán á recuperación para as familias, mentres que o PPdeG urxiu a súa aprobación nas Cortes porque deles dependen cuestións "fundamentais para Galicia".

Tanto o PSdeG como En Marea, con representación na Cámara Baixa, e o BNG, criticaron unhas contas nas que coincidiron en lamentar que non se recollen as demandas dos pensionistas cunha subida que consideran ridícula, mentres que ao seu parecer debería ser unha prioridade neste proxecto orzamentario.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, censurou que estas contas mostran "a debilidade e o cinismo da dereita" na súa forma de abordar cuestións como as pensións nunha etapa de recuperación económica.

Apuntou que España vive unha situación de desigualdade "sen precedentes" e que non está a implicar aos sectores "máis débiles" da sociedade na saída da crise, o que se agrava coa decisión do Goberno central de aumentar o gasto social tan só un 1,1 % mentres o país crece a un 2,7 %.

Para Caballero, o proxecto de orzamentos presentado onte "non cumpre coa prioridade social que lle pide a cidadanía" e non serve tampouco para paliar a galopante desigualdade social.

Desde o grupo parlamentario de En Marea, remitíronse ás declaracións do portavoz no Congreso, Miguel Ángel Fernán Vello, que considerou que as aprobadas, son as contas "dun Goberno débil, cuestionado, e sen credibilidade que vive momentos de forte contestación social".

Segundo Fernán Vello, a pesar da "propaganda oficial" os orzamentos avanzados seguen sen mostrar a tan anunciada recuperación económica "e non serven para reactivar a economía", continuando "a liña marcada pola Troika de obsesión no cumprimento do déficit" polo que seguen na "liña continuista dos recortes".

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, asegurou que se trata duns orzamentos "antisociais" que mostran como prioridade do Goberno central "rescatar á banca e ás grandes construtoras".

Esta apreciación demóstrase segundo a deputada do Bloque, no feito de que os orzamentos do próximo contemplen 2.000 millóns de euros para o rescate das "radiais madrileñas", e tan só a metade, 1.000 millóns de euros para garantir a calidade de vida de nove millóns de pensionistas.

Fronte a todo iso, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, aplaudiu a aprobación dos mesmos, a falta da súa tramitación no Congreso, ao entender que deles "dependen cuestións fundamentais para Galicia".

Son, segundo Tellado, uns "orzamentos importantes, uns orzamentos que necesita España e, polo tanto, tamén os necesita Galicia", polo que lamenta que haxa partidos na oposición que estean "en contra", e aposte pola estratexia de bloqueo "permanente do panorama político do país".

PENSIÓNS. Todos eles, fixeron especial fincapé na partida destinada ás pensións, e que desde a oposición non consideran suficiente. O dirixente socialista criticou que o PP demostra "a falsidade do seu discurso político" ao aceptar subilas "cando hai dous meses dicían que non se podía facer máis" e reclamou que non queden en "parches" temporais, senón que asuman as demandas sociais e as axusten ao crecemento do IPC, ademais de volver ao marco do Pacto de Toledo.

Do mesmo xeito, o portavoz de En Marea nas Cortes sinalou que as pensións continuarán evidenciando unha perda de poder adquisitivo para os seus perceptores polo que "igual que habería que derrogar a reforma laboral porque os contratos lixo" para que a "precariedade laboral" non continúe reducindo as cotizacións á Seguridade Social.

Máis aló, foi a nacionalista que tachou de tomadura "de pelo" o incremento anunciado, que no caso das pensións non contributivas suporán só 11 euros máis ao mes. Ademais, lamentou que non aborden "o grave problema das pensións" que agora, na súa opinión, pasa "por garantir" o sistema público.

Con todo, o secretario xeral do PPdeG, insistiu en que dar luz verde ás contas levará a subida das pensións máis baixas, que son moitas na comunidade, e tamén o incremento dos salarios dos empregados públicos.

Comentarios