A oposición pide explicacións á Xunta polo falecemento do home no PAC da Estrada

Membros de En Marea, PSdeG e BNG pediron este mércores explicacións ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo

Ambulancia do 061. ARQUIVO
photo_camera Ambulancia del 061. TOÑO PARGA (ARCHIVO)

Membros de En Marea, PSdeG e BNG pediron este mércores explicacións ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo tralo falecemento dun home no PAC da Estrada.

A deputada de En Marea Eva Solla afirmou que a morte sen que houbese ningún médico para atendelo nese momento "é algo que se podía prever que podía ocorrer", conforme ás denuncias dos profesionais destes centros durante os últimos meses. Ademais, aseverou que o que pasou agora na Estrada "pode suceder moitas outras veces" noutros centros, posto que a Xunta "non fixo nada" ante as reivindicacións dos traballadores.

Unha das principais demandas deste colectivo, segundo lembrou en rolda de prensa, é "que se dote dun equipo completo de profesionais" ós PAC, fronte a decisións como "alongar a xornada" e "impedir" tomarse permisos e baixas, algo que cualificou de "insustentable", polo "queime persoal" que provoca.

PSdeG. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, compareza para dar explicacións sobre o falecemento. Caballero identificou esta noticia de "terrible" coa "deterioración da sanidade pública galega", con "falta de recursos humanos" e "privatizacións encubertas", que "está a executar o Goberno de Feijóo".

Respecto diso, avisa de que este "é un problema de primeira magnitude en Galicia", pero "o PP non quere abrir os ollos e recoñecer o que a sociedade galega sabe: que é que a sanidade pública ten enorme dificultades". Nesta liña, advirte de que "cando non se toman decisións estruturais" de apoio á sanidade "en calquera momento pode aparecer unha excepcionalidade que ten consecuencias nefastas".

BNG. A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado, pediu que o Sergas "mostre os seus números reais" e convoque prazas para profesionais médicos co obxectivo de paliar a "situación límite" que están a sufrir os médicos. A representante deputada do BNG denunciou que esa situación xera "alarma social", recalcou que o ocorrido obedece a unha "falta de médicos" e demandou aos responsables da Xunta que "asuman responsabilidades e aclaren o sucedido".

O BNG acusou aos dirixentes do Sergas, que xestiona os hospitais e centros médicos públicos, de "mentir" sobre a morte do paciente e de "minimizar a gravidade da situación", polo que esixiu unha "rectificación" da política sobre saúde pública do PPdeG, o partido que goberna en Galicia.

O PPdeG pide que non se faga unha "utilización política" do suceso
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, pediu á oposición que non faga unha "utilización política" do suceso. Tellado tamén incidiu en que a Consellería de Sanidade "xa deu todo tipo de explicacións sobre o sucedido" con "humildade" e "transparencia", polo que "non hai que facer valoracións políticas".

Así mesmo, trasladou á familia do falecido, en nome de todo o grupo popular, o seu "pesar" e "lamento" polo sucedido. Ademais, asegurou que entende a dor destes familiares.

Comentarios