Padín e os responsables de 'Fariña' non alcanzan un acordo no acto de conciliación

O home que no seu día delatou ao clan dos Charlines reclama 150.000 euros a Nacho Carretero e á editorial Libros do KO

Manuel Fernández Padín. DP
photo_camera Manuel Fernández Padín. DP

A produtora da serie de televisión Fariña, Bambú Produciones, e Atresmedia non alcanzaron un acordo nin con Laureano Oubiña, como tampouco o xornalista Nacho Carretero e a Editorial Libros del KO con Manuel Fernández Padín, quen no seu día delatou ao clan dos Charlines.

O Xulgado de Primeira Instancia número 44 de Madrid acolleu este venres o acto de conciliación entre Manuel Fernández Padín e Nacho Carretero e a produtora Libros do KO.

Fernández Padín reclama 150.000 euros ao autor e á editorial do libro Fariña e reclama que se ratifique a falsidade dos feitos que se lles asignan no libro, como a relación cos Lulús, Baltasar Garzón e Jorge Argote.

O avogado Manuel Álvarez de Mon, que representa a Padín, non descarta que outro dos chamados "arrepentidos", Ricardo Portabales, se una a esta serie de demandas civís contra Fariña por datos "que non se corresponden coa realidade".

O primeiro acto de conciliación tivera lugar este xoves no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Pozuelo de Alarcón, onde non acudiron Oubiña nin os responsables de Bambú Produciones e Atresmedia. Oubiña alega "dano moral" causado pola escena da serie que narra a historia do narcotráfico en Galicia, na que se mostra contido sexual protagonizada por el e a súa defunta muller, Esther Lago.

Segundo o avogado de Oubiña, Manuel Álvarez de Mon, durante o acto de conciliación, os letrados da produtora insistiron en afirmar que "a serie é ficción e non está baseada en feitos reais, como se publicitaba nun primeiro momento".

Álvarez de Mon solicitou a gravación da vista, que aceptou a xuíza, e que utilizará "como proba para mostrar a incoherencia das respostas no caso de que Oubiña queira seguir adiante coa demanda".

En declaracións a Efe, o avogado confía en que Oubiña siga adiante coa demanda civil contra a produtora e a cadea e en conseguir unha sentenza favorable para o seu representado. O que non confirma é se se manterá a petición dun millón e medio de euros como indemnización ou se variará esta cifra.

Comentarios