Os pais que non obtivesen praza nunha escola infantil pública poden solicitar desde este martes o Bono Concilia

A prestación poderá solicitarse ata o 27 de agosto
Aula de una escuela infantil. AEP
photo_camera Aula dunha escuela infantil. AEP

A Xunta de Galicia abre desde este martes, e ata o 27 de agosto, o prazo de solicitude do Bono Concilia, unha prestación de entre 45 e 250 euros mensuais para axudar as familias a pagar unha praza para os seus fillos na escola infantil da súa elección, naqueles casos nos que non obteñan praza nun centro público. 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a orde que regula a concesión destas axudas económicas cun investimento inicial de máis de 1,7 millóns de euros, ampliable en función das solicitudes que se presenten. 

O feito de que todos os segundos fillos e sucesivos accedan á gratuidade da atención educativa, recordou a Xunta, "cambia substancialmente o labor do Bono Concilia". Por iso, neste 2020, esta axuda seguirá en vigor, pero estará destinada aos primeiros fillos. 

Outra das novidades da convocatoria deste ano é que, para os nenos que obteñan praza nunha escola infantil pública a partir do 20 de outubro, as familias poderán escoller entre aceptar esa praza ou continuar co bono. 

As solicitudes, xunto coa documentación requirida, deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario que está dispoñible na sede electrónica da Xunta. Opcionalmente, tamén se poderán entregar de xeito presencial por rexistro.

CENTROS DE MENORES. Por outra banda, a Xunta acaba de resolver a concesión de axudas para obras de mellora e adquisición de equipamento en centros de menores xestionados por entidades de iniciativa social. Os beneficiarios foron publicados no DOG e as axudas ascenden a un montante global de 625.000 euros. 

En total, outorgáronse 21 axudas para actuacións de adecuación en centros e outras 23 para a compra de equipamentos. Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. 

As achegas para obras de mellora oscilan entre os 32.600 euros, as de maior contía, e os 12.00 euros, as de menor. As dirixidas a compra de equipamento sitúanse entre os 6.000 e os 10.000 euros. 

Comentarios