O párroco de Momán tacha de "terroristas" os curas pederastas e os bispos que os encobren

O sacerdote lucense ataca tamén á curia española, sobre todo por non "pedir desculpas" e manterse allea á mensaxe que trata de trasladar o Papa Francisco para perseguir a pederastia

Luis Ángel Patiño, cura de Momán. AEP
photo_camera Luis Ángel Patiño, cura de Momán. AEP

O cura de Momán, parroquia de Xermade (Lugo), que exerce ademais en Cospeito, Guitiriz e Aranga (A Coruña), Luís Rodríguez Patiño, cargou contra os curas pederastas e os bispos que os encobren, cualificándoos de "terroristas"

Este sacerdote, activo socialmente, argumenta que utiliza o termo de terroristas por "aqueles que causan terror". "E causaron moito terror a nenos, a mozos e están a causar moito terror ás familias", aseverou. 

"Eu esta palabra useina en 2010, cando saíron estes casos en España, primeiro os que os cometen (os abusos a menores) e logo os bispos que calan, consenten e mesmo puxeron diñeiro para que as vítimas calasen a boca", expuxo. "Son terroristas e están a violar o mandato de Cristo e do Evanxeo", incidiu. 

Rodríguez Patiño non esconde o dano que fai á Igrexa que se busquen xustificacións a estes comportamentos, o que "afunde máis a súa pertenza a unha fe". 

Ilustra as súas palabras cun exemplo, como cando "corenta condutores conducen mal e son sancionados", algo que sería dificilmente xustificable entre "taxistas ou camioneiros". 

O sacerdote lucense ataca tamén á curia española, sobre todo por non "pedir desculpas" e manterse allea á mensaxe que trata de trasladar o Papa Francisco para perseguir a pederastia. 

Da Igrexa española afeou que "se encerra como caracol no seu cascarón, tentando que se esquecer e facendo moitísimo dano ás familias". 

"Están a tapar, escondendo e gastando unha cantidade de millóns enormes en tribunais que non acaban nin coa dor, nin co sufrimento. Por iso chamei tamén terroristas aos bispos que calan e consenten ante o sufrimento de tanta xente que agora se atreve a denunciar", sentenciou. 

Incide na necesidade de "tomar medidas" para combater a pederastia, e volve a aleccionar sobre "se o frutero está contaminado, por moita froita nova, o frutero" seguirá "podrecido".

FRADE DO CEBREIRO 
Luís Rodríguez Patiño tamén se referiu ao frade do Santuario do Cebreiro, procesado por abusos a unha menor e a un primo desta con discapacidade intelectual e para o que a fiscalía de Lugo pide 17 anos de prisión, criticando que, "aínda encima tapouse". 

"Non lle vin un propósito de emenda de recoñecer as faltas, máis ben ao contrario", concluíu. 

Comentarios