A participación nas 'reválidas' sitúase en cifras similares ás de anos pasados

As probas comezaron en 3º de Primaria ► A Plataforma en Defensa do Ensino Público cifra a ausencia de alumnos no 80% e a Xunta no 38%

Concentración da Anpa contra a reválida diante do colexio Marcos da Portela de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Concentración da Anpa contra a reválida diante do colexio Marcos da Portela de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público cifrou en máis do 80 por cento a ausencia de alumnos nas probas de diagnóstico –máis coñecidas como "reválidas"–, que deron comezo este mércores en 3º de Educación Primaria e seguirán durante a xornada do xoves. 

Pola súa banda, fontes da Consellería de Educación reduciron esta cifra ao 38%. E é que, segundo palabras do conselleiro Román Rodríguez, estes exames son "unha axuda para que o sistema educativo mellore". 

Román Rodríguez: "A participación será moi similar á de anos pasados; gustaríame que fose máis elevada"

As probas que se iniciaron este mércores realízanse na totalidade de colexios de Galicia –públicos, privados e concertados–, mentres que as de 6º de Primaria e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) faranse nunha mostra de 290 e 160 centros, respectivamente, durante os días 29 e 30 de maio. 

Este é o cuarto ano consecutivo que leva a cabo este procedemento ao amparo da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce) e, como tal, é o cuarto ano que os sindicatos chamaron ás familias a boicotealo.

CONCENTRACIÓN FRONTE AO PARLAMENTO. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público –que inclúe entidades como a CIG, Anpas Galegas e BNG– organizou unha concentración este mércores en fronte ao Parlamento galego en contra das "reválidas" e en contra da Lomce. 

En declaracións aos medios, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, felicitou a todas as familias que "un ano máis foron capaces de salvar todos os problemas de conciliación" para non enviar aos seus fillos ao centro en sinal de protesta. 

Do mesmo xeito, estendeu o agradecemento ao profesorado que, "sempre respectando a legalidade, informou as familias convenientemente desmontando a campaña de desinformación que ten a Xunta". 

Pola súa banda, o vicepresidente de Anpas Galegas, Fernando Lacaci, tachou as probas de "absurdas" e "estúpidas" que "só conducen a perder dous días de clase", a "introducir nunha tensión innecesaria" ao alumnado e a gastar "50.000 euros de fondos públicos". 

Ademais, asegurou que a Lomce é unha norma que busca "botar fóra aos que non interesan que estean dentro do sistema educativo". "Tentan recentralizar o proceso desde unha perspectiva dun nacionalismo español do que estamos bastante fartos", esgrimiu Lacaci. 

E é que, segundo as súas palabras, a Lomce é un "despropósito lexislativo", posto que, segundo afirmou, a sociedade, a maioría dos partidos e a comunidade educativa están "en contra". "Pero segue aí", lamentou. 

Comentarios