Paulo Carril, líder da CIG: "Seguiremos reforzando o noso modelo de contrapoder promovendo o conflito"

Paulo Carril, secretario xeral da CIG. CIG
Fronte ás centrais que "branquean" as políticas do Goberno central, o secretario xeral do sindicato máis representativo de Galicia, Paulo Carril, aposta pola "mobilización e a folga" para conquistar dereitos e por levar propostas á negociación colectiva. Rexeita calquera coincidencia en materia industrial coa Xunta, á que atribúe "un modelo depredador" e pon en valor "a independencia económica" da Confederación Intersindical Galega

Orixinario de Touro, Paulo Carril (1973) relevou hai oito anos a Suso Seixo e o 24 de maio foi refrendado para outro mandato á fronte da CIG, a organización sindical máis potente do nacionalismo galego. Fundada no 1994, as raíces da Confederación Intersindical Galega beben do movemento obreiro que agromou trala morte en Ferrol de dous obreiros de Bazán, Amador Rey e Daniel Niebla, a mans da policía do franquismo. Vinculado á UPG, Carril di que "a loita" polos dereitos sociais é inseparable da loita por conquistar "máis dereitos como nación".

No congreso constataron que o crecemento dos afiliados foi histórico, ata superar os 86.000. Como encaixa esta maior mobilización nun escenario de aparente bonanza no terreo laboral? 
Temos unha posición crítica coa realidade laboral que temos diante. A pobreza e a precariedade esténdense a través das modalidades contractuais da reforma laboral aprobada no 2022 e que, por certo, non derrogou a aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy no 2012. O paradigma da precariedade hoxe exprésase cun incremento brutal, en máis dun 125%, da contratación indefinida pero a tempo parcial e da fixa-discontinua. Isto crea un panorama no que os baixos salarios son unha realidade. A isto sumamos que, dos 400.000 galegos emigrados, case o 50% ten menos de 29 anos. Hoxe, ter un traballo non garante saír da pobreza ou ter os ingresos mínimos para vivir dignamente. Hai amplos sectores da clase traballadora que depositan a confianza na CIG como mellor defensora dos seus dereitos e intereses.

Cales son as liñas centrais de traballo para os vindeiros catro anos?
Imos seguir reafirmándonos neste modelo que combina a formulación de propostas concretas coa mobilización para a conquista de dereitos. Seguiremos reforzando o noso modelo de confrontación, de contrapoder, organizando e promovendo o conflito. No congreso afirmamos que o tempo que tardamos en ir á mobilización e á folga é o que perdemos en gañar dereitos. Reafirmamos tamén a nosa capacidade de combinar isto coa proposta concreta para a negociación colectiva para a defensa do emprego, dos dereitos sociais e dun futuro digno.

O diálogo social non é efectivo?
Neste congreso sinalamos que o diálogo social é a fosa común na que se enterran os dereitos sociais. Vémolo co debate da redución da xornada de traballo. A reivindicación das 35 horas queda enterrada polo Goberno e por quen o avala e branquea as súas políticas, que son os sindicatos UGT e Comisións, que a través do diálogo social impiden que esa reivindicación sexa realidade. Tamén o vemos coa non derrogación da reforma laboral do 2012. E co diálogo social o Consello de Ministros aprobou o último capítulo do acordo de pensións asinado o 19 de setembro polo Goberno, CEOE, UGT e CC.OO., que implica consolidar os 67 anos como idade ordinaria de xubilación, eliminar a xubilación parcial aos 61 e ampliar o periodo de cálculo a 29 anos. Isto dificulta acceder á xubilación en condicións dignas e impide rexuvenecer os cadros de persoal. A desmobilización que xera este sindicalismo e a aplicación de políticas liberais crean condicións idóneas para que fascismo e ultradereita xeren máis confusión social.

O diálogo social é a fosa común na que se enterran os dereitos sociais. Vémolo co debate sobre a redución da xornada laboral"

A CIG coincide coa Xunta en que hai que elevar o peso da industria na economía, pero diverxen nas vías para acadalo. Cal é a vosa proposta?
Nego a maior. O Goberno de Rueda, coma o de Feijóo, só cre en facilitar políticas fatais, buscando as peores versión das políticas neoliberais, poñendo a Galiza ao servizo de fondos de investimento e mantendo a comunidade como territorio de sacrificio, condenado a subministrar recursos minerais, forestais e enerxéticos e a ter unha industria de enclave, que favorecer o desenvolvemento doutros territorios. Para nós queda a desertización social e industrial en moitas comarcas. O modelo do PP e do Goberno galego é un modelo depredador que para nada está na liña do que reivindicamos: políticas públicas nas que os recursos se poñan en favor das maiorías sociais, a única maneira de ter empregos e salarios dignos. Tamén hai que pechar os ciclos produtivos e procurar un mellor equilibrio territorial e ambiental. E isto non pode implicar desmantelar outros sectores. Non coincidimos para nada. Altri e a reapertura da mina de O Pino-Touro son exemplos.

No relatorio do congreso dedicáronlle un apartado á autonomía financeira da CIG e á xestión dos recursos. A CIG estaría no punto de poder subsistir sen achegas públicas?
Os ingresos que derivan da nosa condición de sindicato máis representativo e que, polo tanto, nos corresponden por dereito, apenas representan o 7% do total dos nosos recursos. Os ingresos da afiliación e as cotas dos afiliados son as que nos permiten ter independencia económica, de pensamento e de acción. Polo tanto, se a nós se nos quixera castigar excluíndonos dos dereitos que temos de participación igual que outras entidades sociais teñen ingresos de financiamento público, temos unha absoluta independencia. Porque, ademais, non temos ningunha débeda con ningunha entidade financeira. Hai outro ámbito que responde á mesma lóxica. De acordo coa lei orgánica, só hai catro sindicatos máis representativos a nivel estatal que somos a CIG, Ela en Euskadi, UGT e CC.OO. Polo tanto, os efectos da representatividade trascenden e teñen efectos nos órganos de representación institucional do Estado en igualdade de condicións con UGT e Comisións. Isto lévanos a que o diálogo social, que é unha visión distorsionada dos dereitos de participación, dá a entender que é a expresión dos dereitos de partipación e non é así. Cuestionamos que se nos exclúa de moitas interlocucións e de moitas negociacións.

Cuestionamos que se nos exclúa de moitas interlocucións e negociacións"

Como organización sindical de maior peso do nacionalismo, como ven a acción política do BNG?
 sindicato, para nós, trascende ao laboral. Estamos implicados na transformación de Galiza, por iso temos un papel político-social. Apostamos por seguir tecendo alianzas nunha axenda galega para avanzar en dereitos, igualdade, xustiza e benestar social. De aí a nosa implicación en moitas loitas. Somos un sindicato dunha nación dependente e subordinada. A loita por ter máis dereitos sociais é inseparable da loita por ter máis dereitos como pobo galego e nación que somos. Somos parte do movemento nacionalista galego, pero dende a autoorganización. Traballamos en pé de igualdade e de respecto mutuo coas entidades integrantes, que non é só unha organización política, ou organizacións políticas, pois hainas sociais de todo tipo. Dende ese respecto mutuo, non valoramos ningunha organización do movemento nacionalista. Tampouco permitimos que o fagan connosco non sendo polas canles do entendemento.