Os pediatras instan a acudir a Urxencias se é preciso e non agardar "por medo a contaxios"

Algúns menores están a chegar aos hospitais "máis tarde do que deberan" porque os pais son remisos a sacalos de casa porque temen que se infecten con coronavirus
Una madre y sus hijos con mascarilla tras hacer la compra en Zaragoza. EFE
photo_camera Unha nai e os seus fillos con máscara tras facer a compra. EFE

Pediatras dos servizos de Urxencias de hospitais galegos trasladaron que, aínda que a maior parte da poboación está a actuar de forma "responsable" e facendo un uso adecuado dos servizos asistenciais, detectáronse casos de menores que chegan a Urxencias con cadros agravados, debido a que os seus pais non os levaron antes por "medo a contaxios" ou a "sacalos de casa". 

É o caso do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, cuxa responsable de Urxencias Pediátricas, Reyes Novoa alertou de que os pais "tardan" en levar aos seus fillos para que sexan atendidos e, algunhas veces, chegan con "cadros evolucionados" e mesmo "graves", porque os seus proxenitores temen que se infecten con coronavirus no hospital. Segundo trasladou a Europa Press, aos profesionais deste hospital "preocúpalles" que "algúns" menores están a chegar aos servizos de Urxencia "máis tarde do que deberan", precisamente porque os pais son remisos a sacalos de casa e trasladalos ao hospital. 

Neste momento, en pleno estado de alarma, "non hai constancia obxectiva" de que os nenos padezan consecuencias físicas por estaren confinados"

Desde que se iniciou o estado de alarma e se implantaron as medidas de confinamento, a demanda do servizo de Urxencias Pediátricas en Vigo "caeu", aínda que algúns dos nenos que acoden presentan "patoloxías máis graves". "Tardan en consultar por medo a saír", constatou Reyes Novoa, quen apuntou que os pediatras están a ver, por exemplo, "casos de apendicitis máis evolucionados" ou "cadros graves, como atragoamentos que tardan en consultar".

URXENCIAS "SEGURAS". "O risco cero non existe, empeza no momento en que saen de casa, pero as Urxencias Pediátricas do hospital son seguras", proclamou, á vez que lembrou que, no Hospital Álvaro Cunqueiro, "partíronse os circuítos" para separar as Urxencias dos adultos das dos nenos, mesmo con accesos diferentes. 

Pola súa banda, o xefe de Pediatría do Complexo Hospitalario da Coruña, Jerónimo Pardo, sinalou que "a inmensa maioría das familias están a actuar prudentemente" e fan un "uso responsable" dos servizos de asistencia. "Os pais deben acudir aos servizos sanitarios na medida en que o necesiten, os pediatras de Atención Primaria e de Urxencias están á súa disposición", incidiu. 

"Os nenos teñen unha gran resiliencia e capacidade de adaptación e, aínda que non saian, a maioría non deixan de ter actividade física, porque non paran"

Pardo coincidiu en sinalar que, desde o inicio do estado de alarma, descendeu o número de pacientes nas Urxencias Pediátricas e, aínda que "pode ser que algún paciente chegue cun cadro máis evolucionado", iso é algo que "tamén sucede noutras circunstancias". "En xeral, a poboación actúa prudentemente, e os servizos están a funcionar de forma adecuada. Pódese transmitir unha mensaxe de tranquilidade", reflexionou.

CONSECUENCIAS DO CONFINAMENTO. Con respecto ás consecuencias que o confinamento pode ter nos menores, tanto desde o punto de vista físico como emocional, os profesionais quixeron enviar unha "mensaxe de calma" porque "os nenos teñen unha gran capacidade de adaptación".  Jerónimo Pardo advertiu de que, neste momento, en pleno estado de alarma, "non hai constancia obxectiva" de que os nenos padezan consecuencias físicas por estaren confinados. "Non se poden dar aínda datos obxectivos, e menos cando estamos ante un fenómeno sen precedentes. Outra cousa son as impresións ou medos que teñan os pais, que son comprensibles", matizou, e engadiu que "se existen esas consecuencias, veranse máis adiante". 

"Non se pode comparar a un neno cun can. De que lle serviría a un neno saír da man da súa nai ou pai 10 minutos?"

"Por suposto que sería desexable que os nenos, e tamén outras persoas, puidesen saír de casa, pero esa é unha decisión das autoridades sanitarias (...), e hai que pensar se unhas cousas compensan outras", engadiu. 

Na mesma liña, a presidenta da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria, Amparo Rodríguez, aceptou que "pode haber consecuencias físicas" para os menores debido ao confinamento, "pero non hai evidencias científicas". "Poñamos as cousas no seu lugar, levamos pouco máis dun mes de peche. Os nenos teñen unha gran resiliencia e capacidade de adaptación e, aínda que non saian, a maioría non deixan de ter actividade física, porque non paran", afirmou.

MANTER HÁBITOS DE "HIXIENE VITAL". Para esta pediatra, o importante nestas circunstancias excepcionais é que as familias "estean tranquilas" e tenten manter uns "hábitos de hixiene vital", como respectar os horarios de comidas e descanso, manter certas rutinas, adaptar os xogos, incidir na hixiene de mans, etc. 

En función da idade do neno ou da contorna familiar, os menores nesta situación de 'peche' poden desenvolver alteracións de conduta, estados de ansiedade, alteracións do soño ou síntomas psicosomáticos

Por outra banda, animou aos pais a "buscar o lado positivo" do confinamento, que pode "reforzar" ás familias, xa que os nenos teñen agora máis "tempo de calidade" cos seus pais, máis horas compartidas, e "están encantados". Con respecto á posibilidade de que se flexibilicen as medidas do confinamento e se lles permita aos menores saír de casa de forma limitada, Amparo Rodríguez advertiu de que "a desescalada hai que facela moi ben".

"Non se pode comparar a un neno cun can, ao que podes sacar 10 minutos a poucos metros de casa para que faga as súas necesidades. De que lle serviría a un neno saír da man da súa nai ou pai 10 minutos, se non podería estar cos seus iguais, nin correr, nin xogar?", preguntouse. 

Por todo iso, e após lembrar que os menores son "vectores" de contaxio do coronavirus, chamou á cautela, e a volver á normalidade de forma progresiva "para que o sacrificio que todos fixemos non se poña en risco".  Esta pediatra, por outra banda, incidiu en que os servizos de Atención Primaria seguen abertos a disposición dos nenos e que, nestas semanas, os profesionais están "a resolver" a maior parte de consultas por teléfono, grazas á "axuda e implicación" dos pais.

Os nenos que "poden ter máis problemas" son aqueles en "situación de risco social" ou en "familias con escasos recursos e habilidades"

XESTIÓN DAS EMOCIÓNS.  Desde o punto de vista emocional, o psicólogo educativo e vicedecano do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Hipólito Puente, advertiu de que os nenos si presentan "reaccións emocionais" durante o confinamento, "do mesmo xeito que os adultos", coa diferenza de que os menores "teñen outra forma de interiorizar as vivencias".  Segundo explicou, e con matices en función da idade do neno ou da contorna familiar, os menores nesta situación de 'peche' poden desenvolver alteracións de conduta, estados de ansiedade, alteracións do soño, síntomas psicosomáticos (como dores de cabeza ou de estómago) ou "baixóns anímicos", entre outros. 

En calquera caso, apuntou que as consecuencias psicolóxicas "dependerán de como a familia xestionase esta situación" porque non ten por que ser "todo un trauma". Puente precisou que os nenos que "poden ter máis problemas" son aqueles en "situación de risco social" ou en "familias con escasos recursos e habilidades".

VOLTA ÁS AULAS. Con respecto á volta ás aulas, que podería non producirse até o curso que vén, Hipólito Puente (que tamén é orientador nun IES de Vigo), avogou por establecer un protocolo para que os alumnos e os profesores enfronten o retorno despois da situación de excepcionalidade motivada pola pandemia de coronavirus. 

A ese respecto, avanzou que o Colexio de Psicoloxía e o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) están a traballar na elaboración dun protocolo "para que a Consellería de Educación o recomende" nas aulas cando se reanuden as clases.  No marco dese protocolo actuaríase co profesorado e tamén cos estudantes que o necesitasen, a través de ferramentas como enquisas, vídeos, contos e outras actividades "para que os nenos expresen como se sentiron". 

Comentarios