jueves. 21.10.2021 |
El tiempo
jueves. 21.10.2021
El tiempo

Pedro Puy: "O nivel deste Parlamento é moi bo e non temos nada que envexarlle aos anteriores"

Pedro Puig
Pedro Puy. PEPE FERRÍN (AGN)
Non adoita deixarse ver nos grandes mitins do partido nin senta no Consello da Xunta. Porén, é unha das persoas de máxima confianza do presidente Feijóo e unha peza fundamental do PPdeG, que desde 2009 lle encarga a redacción do programa para cada cita electoral. É Pedro Puy, o discreto sobriño de Fraga que dirixe o grupo parlamentario popular.

Como autor do programa electoral é vostede parte do éxito do PPdeG o 12-X. Ou os votantes xa nin miran os programas?
Os programas son fundamentais na oferta política. É difícil que a xente o vexa completo, pero os distintos sectores analizan as propostas que máis lles atinxen, polo que é un apoio ao discurso de campaña, un documento importante.

Vostede lévao facendo desde 2009 e parece que lle colleu o truco.
A clave do triunfo non é só o programa senón que detrás hai unha xestión que avala o que se di nese programa e un líder que conecta moi ben coa maioría de Galicia. Un programa para que estea ben debe estar en contacto coa realidade e debe xerar ilusión, porque iso significa que detectas os problemas que lle preocupan á xente.

Non vale cortar e pegar desde 2009.
Non. De feito esta vez fixemos un esforzo extra ao deseñar dous programas: un que ía ser presentado xusto antes do Covid-19 e outro que houbo que reelaborar despois da pandemia, cando cambiaron as prioridades.

Programa electoral
"É un documento moi importante aínda que a xente non o lea enteiro e a clave é que contacte coa realidade e xere ilusión"

Que o sorprendeu máis o 12-X: o sorpasso do BNG ao PSOE ou a desaparición do rupturismo?
Quizais o esborrallamento do populismo asociado ás mareas e Podemos. O resto penso que é o resultado do traballo feito nos últimos catro anos, onde o BNG foi máis constante e tivo un liderado claro desde o primeiro momento.

Sexa sincero: contaba con 42 escanos para o PPdeG?
Nós tiñamos a percepción antes do Covid-19 de que había unha ampla maioría que nos apoiaba e, logo da crise, as sensacións xa eran de que esa maioría podía reforzarse. Sempre coa incerteza da participación e do contexto no que se fixeron as enquisas, claro.

Canto influíu a pandemia o 12-X? 
O único que fixo foi acentuar esas percepcións previas. Se o PPdeG xa agardaba a revalidación da maioría, a xestión da Covid-19 reforzou esa tendencia.

Confírmase que o PPdeG parece intocable e a teoría dos vasos comunicantes entre a esquerda.
O máis significativo do 12-X é que hai dúas cousas que se repiten de épocas pretéritas. Por unha banda o abandono, ao meu xuízo bo para o sistema, das posturas populistas de dereitas e esquerdas que xurdiron coa anterior crise, cun retorno ás forzas tradicionais. E pola outra confírmase que en Galicia, sempre que se anticipa un triunfo do PPdeG, coincide que a agrupación do voto na esquerda tende a facerse máis radical. O PSdeG tivo os mellores resultados cando había posibilidades reais de cambio. Pero se a poboación anticipa a vitoria do PP o votante de esquerda apoia máis á esquerda en busca dunha oposición máis dura e intensa. Xa pasou nos 90, nos tempos de Beiras, e agora repítese.

Cambios na esquerda
"Sorprendeume máis o esborrallamento do populismo; o sorpasso do BNG ao PSOE é resultado do visto nestes catro anos"

Anticipará o 12-X dinámicas políticas a nivel estatal?
Eu confío en que si. En tempos de incertidume os partidos que ao longo do tempo permaneceron cun amplo apoio recupérano porque ofrecen máis certeza sobre a súa capacidade de xestión que as novas forzas que, incluso cando tocaron poder, quedaron moi lonxe de facer o que prometían.

É a baixa participación das autonómicas un fracaso da política?
Non foi tan baixa. Non só estamos nun escenario Covid-19 senón que se votou por primeira vez en xullo, cando habitualmente a xente está máis a outras cousas. A participación foi boa e máis se a comparamos co mesmo día en Euskadi ou coa de semanas antes en Francia, o cal é un exercicio de responsabilidade da sociedade. Así que non considero que sexa un fracaso.

Con só tres partidos clásicos no Parlamento, augura unha lexislatura máis sinxela?
Desde o punto de vista de organización do traballo da Cámara, certamente. A existencia de tres grupos e non cinco simplifica o funcionamento. 

E traducirase nun Lexislativo máis eficaz?
Creo que si. O que vivimos no pasado recente foi que os partidos de esquerda miraban algo de reollo cara á forza emerxente do momento e deixábanse levar por ela. Pero eu penso que PSOE e BNG teñen máis capacidade de pactar e de saber o que se pode facer na Cámara sen depender tanto desas forzas volubles.

Nova lexislatura
"Ser tres grupos e non cinco simplificará o funcionamento na Cámara e penso que o traballo poderá ser máis eficaz"

Leva anos a carón de Feijóo e sendo unha das persoas de máxima confianza, pero sempre nun segundo plano. Toca xa ser conselleiro?
A valoración non é correcta porque estou nun primeiro plano, que é a portavocía do PPdeG no Parlamento. Outra cousa é como se exerza esa portavocía, que depende do estilo de cada quen. Agora os compañeiros e o presidente terán que decidir se sigo no cargo.

Pregúntollo doutra maneira. Non o atrae o poder executivo?
Eu teño a sorte na vida de ter traballado no poder executivo, no lexislativo e en algo moi semellante ao xudicial como o Consello de Contas, así que teño experiencia dabondo. E penso que nestes momentos desenvolvín axeitadamente as miñas función como voceiro parlamentario.

Gustaríalle entón repetir?
O importante do grupo parlamentario é que funcione ben. É un traballo en equipo, como se viu nas eleccións, onde cando os grupos non funcionan e acaban con liortas son penalizados, como é lóxico, pola opinión pública. Eu estarei onde os meus compañeiros consideren oportuno para axudarlle ao grupo, que tivo moita renovación. E o labor de deputado sen exercer a dirección tamén é moi interesante.

Salto á Xunta
"Xa traballei no poder executivo, lexislativo e en algo moi parecido ao xudicial como Contas; eu axudarei onde me digan"

Di que chegan moitos novos ao grupo. Custa moito ensinarlles?
O Parlamento é unha institución onde a veteranía conta. E iso tamén se percibe nas eleccións, onde acabamos de ver que tiveron mellor resultado os deputados con máis antigüidade que lideraban as súas candidaturas. Pero aquí as persoas somos circunstanciais e é o propio grupo o que permanece no tempo, coa súa dinámica na que se combina experiencia e renovación e que é a que permite que aqueles que chegan novos asimilen rápido ese labor. 

O que si será é unha lexislatura de deputados con máscara.
Certamente. Todos debemos ser conscientes da importancia da prevención.

Fará Feijóo cambios na Xunta?
Esa decisión ten que tomala el.

Pero segundo a quen leve ou non inflúe no grupo parlamentario. Adoita consutar con vostede?
Eu o único que digo é que, desde a perspectiva de funcionamento do grupo parlamentario, canto antes se tome a decisión de quen vai facer vida parlamentaria e quen irá ao executivo, mellor. E máis nunha lexislatura como esta na que temos que empezar canto antes.

Pedro Puig

Marchará Feijóo a Madrid?
Creo que non. É unha cuestión que xa se tratou e incluso houbo ocasión de que se producira, pero os feitos confirman o que Feijóo dixo desde o primeiro momento: non está na súa axenda.

Cal é o truco para que na oposición falen tan ben de vostede?
Non estou moi seguro de que iso sexa así! [ri] En xeral, en todos os ámbitos da vida, o mellor é ser franco e eu só nunha persoa que di cando algo se pode facer, pero tamén cando non se pode. A oposición pode contar conmigo sempre. E iso é o que quizais faga que teñan un bo concepto de min.

Vostede é un político de consenso e diálogo, algo que se bota moito en falta nestes tempos.
Hai distintas capas. Está ben que nos poñamos dacordo nalgunhas cuestións básicas e nos obxectivos da política a longo prazo, onde sabemos que terán que pasar gobernos de distinta cor. Pero tamén é certo que a democracia é confrontar ideas. Pode haber denominadores común, pero tamén ámbitos de discrepancia.

Vese que a vostede gústalle debater no Parlamento.
Non sempre! [ri]

Visión de futuro
"A política tería que ser máis aberta e enriquecerse con xente da empresa, universidade, sindicatos, autónomos..."

Con quen lle presta máis debater? Supoño que con economistas...
É certo que cando se debate cunha persoa que ten preparación semellante é máis doado. Recordo bos debates con Leiceaga, con Méndez Romeu, algún con Beiras aínda que foran máis intensos, teño moi bo concepto de Jorquera e Aymerich e incluso con Luis Villares, aínda que a experiencia foi máis curta. En liñas xerais os partidos galegos tiveron moi bos portavoces e no Parlamento houbo moi bos debates. Non temos nada que envexarlle a ningunha Cámara anterior nin ás de outras comunidades. No Parlamento galego conseguimos ter un bo ambiente de traballo e debates, e salvo algunha excepción, con respecto.

Vostede, como seu tío Manuel Fraga, pertence a esa raza de políticos intelectuais que hoxe parece que están en perigo de extinción. 
Creo que en xeral é algo que está sucedendo non só en España senón en todos os países e vén motivado pola tendencia da sociedade á especialización no traballo, que o vemos en todos os ámbitos. Os partidos tamén van requerindo dese nivel de especialización, polo que é menos frecuente que queden persoas que leven moito tempo traballando no eido político. Iso é o que diferenza a xente nova da xente que leva máis tempo nese mundo e procede xa doutros ámbitos da Administración.

E iso é bo ou malo?
A política debería de ser máis aberta e enriquecerse incorporando a máis profesionais da empresa, a universidade, os sindicatos, o ensino, os autónomos... A perspectiva coa que afronta un problema un funcionario non é a mesma coa que o fai un autónomo ou un empresario. É un debate que temos pendente neste país, a dos incentivos para que a xente entre na política. E creo que en España a deriva é claramente negativa porque cada vez é máis difícil que persoas que se dedican a outras cousas accedan á política, por moitas razóns. A propia esfera política dificúltalles ese acceso. 

A política non ten moito prestixio. De feito é un problema, di o CIS.
Ese é un dos asuntos que dificulta a incorporación.

Como lembra a figura de seu tío Manuel Fraga?
Como a figura política que foi. A nivel persoal tiven certa relación con el, pero lémbroo como unha das persoas máis importantes da política española na segunda metade do século pasado. 

O tío Fraga
"Non debe compararse con Feijóo porque son tempos distintos; el tivo que consolidar a autonomía e agora toca xestionala"

No Parlamento aínda o cita bastante a oposición e ás veces en termos eloxiosos. 
Si, pero fano para criticar o actual presidente. E eu penso que vivimos tempos distintos. O labor de Fraga foi consolidar a autonomía que se empezou a construír da man de Albor. Agora estamos na etapa de conservala, mantela, prestixiala e, sobre todo, xestionala. 

Vostede devora libros. Que está lendo esta tempada?
Teño o costume, non sei se bo ou malo, de ler moitas cousas á vez. Estase producinco moito ensaio sobre materia política como Innerarity, Zizek, Krastev... Todos sobre a pandemia, o que é interesante porque van desde predicións da finalización definitiva do capitalismo a visións nas que prevén que se reforzará. 

E que cre que pasará?
Son optimista sobre o futuro do capitalismo. O que é certo é que ás dificultades ás que se enfronta os sistema democrático debe darlles solución o propio sistema. Grandes crises como a actual amosan a fortaleza das nosas institucións, como ocorreu coa sanidade en Galicia, que se demostrou que non estaba destruída como dicían algúns senón ao contrario. Pero na crise tamén aparecen feblezas, como o feito de que o sistema autonómico español adoece dunha clara falta de coordinación entre niveis de goberno. É unha eiva na que debemos traballar. 

O caso do Rei emérito abriu o debate monarquía-república. Como o ve?
É un debate innecesario. Temos unha monarquía parlamentaria homologable a calquera democracia avanzada no mundo e sen moita diferenza con moitas repúblicas parlamentarias. Se preguntamos quen é presidente da República alemana nin o 1% da poboación o sabe, pero todo o mundo coñece a Merkel. É un debate menor que ten outros obxectivos: cuestionar o sistema constitucional.

Como economista, esta crise será peor que a anterior?
Veñen tempos duros. Pero temos a favor algo que non tiñamos, Europa, que neste caso é consciente de que as circunstancias da crise son sobrevidas por un factor externo, algo que non quedou tan claro na anterior. Por iso está envorcándose en aspectos financeiros e de perspectiva política. E tamén ao ser unha crise vencellada ao eido sanitario, a solución tamén será sanitaria: cando haxa vacina a recuperación será máis sinxela que na ocasión anterior.

Como pasou o confinamento?
Supoño que como todos, mal, porque é distinto e desagradable que a vida mude desta maneira. Pero no plano laboral foron xornadas moi intensas, polo que tamén se me pasou rápido. 

Perfil | Un deputado con aire intelectual e amigo do consenso
De Pedro Puy todo o mundo fala ben, o cal non se sabe se é bo ou malo, pero o que está claro é que no ambiente da política é algo cando menos atípico. Quizais sexa polo seu bo talante, polo trato amable e pola amplísima cultura, algo que lle vén da rama familiar do seu tío, Manuel Fraga. Gran orador, cita autores cunha naturalidade que intimida e, cos anos, converteu o Parlamento no seu hábitat natural. 

Dúas décadas con cargo
Doutor en Dereito e profesor de Economía Aplicada na USC, Pedro Puy Fraga leva media vida na Administración, onde xa en 2002 era alto cargo da Xunta. Logo pasou por varios organismos, pero o seu grande salto deuno en 2009 da man de Alberto Núñez Feijóo, que confiou nel para redactar o programa electoral co que o PPdeG recuperou a Xunta. Tras a vitoria, encomendóuselle dirixir e coordinar o grupo parlamentario popular e desde entón aí segue. 

Discreción como sinal
Outra das características que definen a Puy é a discreción —algo que si valora Feijóo—, tamén na vida persoal. Vive entre Vedra e Pontevedra ou, como el confesa, "na AP-9", a peaxe que hay que pagar para estar cos fillos.

Pedro Puy: "O nivel deste Parlamento é moi bo e non temos nada que...
Comentarios