Pérez Jácome vixiará o rendemento dos funcionarios cos "gardiáns do tempo"

O alcalde de Ourense busca que se cumpran os microplazos de cada procedemento burocrático
photo_camera Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense. ARQUIVO

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou este luns que entre as funcións do seu persoal eventual inclúese a de converterse en "gardiáns do tempo" para vixiar que se cumpran os microplazos de cada procedemento burocrático" e "aplicar expedientes por baixo rendemento aos funcionarios que se extralimiten nas datas".

O rexedor subliñou que "será estrito con prazos límite" porque no Concello de Ourense "as máquinas atáscanse constantemente", segundo sinalou de xeito figurado, e "ten que haber persoas que salgan ao rescate".

"Do mesmo xeito que se alguén comete unha infracción de tráfico ten que haber uns captadores, ben sexan uns policías ou unhas cámaras, facendo esa mesma analogía no Concello de Ourense, cando un prazo non se cumpre ten que haber persoas que digan o que fallou e axuden a desatascalo buscando responsables ou o que faga falta", sinalou.

Coa creación da figura dos "gardiáns do tempo", Gonzalo Pérez Jácome agarda que "todo flúa" para facer fronte ao problema da "herdanza de descoordinación e parálise dos últimos 10 anos no Concello de Ourense".

O alcalde comparou as dependencias municipais cunha fábrica da que "no canto de saír 100 coches ao día fano tres", pero mostrouse optimista ao sinalar que isto se está solucionando aos poucos".

Tren hotel

Por outra banda, o rexedor municipal tamén mostrou o seu desacordo este luns "ante a decisión do Goberno central e Renfe" de suprimir o servizo do tren hotel Rías Galegas a Madrid.

"Un traxecto emblemático para todos os galegos pero, en especial para os ourensáns, grazas ao que cobraba sentido que a estación de Ourense tivese por nome Empalme", explicou Gonzalo Pérez Jácome.

Ante esta situación, o alcalde valorou que "o Estado está a facer unha discriminación negativa" coa cidade das Burgas porque "non só non lle dá máis servizos, senón que lle quita os poucos que xa tiña", apostilou.

"O tren nocturno convertía a Ourense na estación central porque os ferrocarrís que viñan da Coruña, Rías Baixas e Rías Altas uníanse aquí para emprender o traxecto cara a Madrid", explicou. Neste contexto, fixo un chamamento para "evitar" esta situación que "suporía o fin da estación Empalme".

Comentarios