Tres persoas resultan feridas nun accidente de tráfico rexistrado na Estrada

Na colisión, que tivo lugar na N-525, víronse implicados dous vehículos ► As vítimas foron trasladadas ao Hospital Clínico de Santiago 

Os servizos sanitarios de urxencia evacuaron ao Hospital Clínico de Santiago a tres persoas que resultaron feridas a causa dun accidente con dous vehículos implicados.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo coñecemento deste suceso preto das dez da noite de este venres, cando dous vehículos colidiron na N-525, ao paso pola localidade pontevedresa da Estrada. Como consecuencia do impacto, tres persoas necesitaron asistencia médica, polo que foron evacuadas polo 061-Urxencias Sanitarias ao complexo hospitalario de Santiago.

Ademais, neste operativo interviñeron os membros do GES da Estrada, axentes de seguridade da Garda Civil de Tráfico e persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento co fin de eliminar os restos do accidente e garantir a seguridade na vía

COLISIÓN EN CURTIS. Por outra banda, o CIAE 112 Galicia rexistrou outro sinistro en Curtis, onde dous vehículos colidiron cando circulaban pola N-634 en sentido Lugo. A causa do golpe, un mozo resultou ferido e necesitou da atención sanitaria dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias.

Ademais, as persoas que chamaron ao 112 Galicia para alertar, cando pasaban das dez da noite, sinalaron que os turismos estaban bastante danados. Deste xeito, desde o CIAE 112 Galicia, informouse aos membros do GES de Curtis e Bombeiros de Betanzos, que non chegaron a actuar, xa que a persoa estaba liberada e accesible.