Cinco persoas resultan feridas nunha saída de vía en Tui

En Moaña produciuse unha colisión múltiple ►En Ponte Caldelas unha menor tivo que ser asistida

Ambulancia. EP
Ambulancia. EP

Dez persoas resultaron feridas esta tarde en distintos accidentes de tráfico que ocorreron nos termos municipais de Tui, As Neves, Moaña e Ponte Caldelas.

En Tui, cinco persoas precisaron asistencia médica, tres delas menores, despois dunha saída de vía que tivo lugar á altura do número 4 da rúa da Guarda.

Ata o lugar achegáronse os servizos sanitarios e os axentes da Policía Local. Ademais, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informou do ocorrido aos Bombeiros do Baixo Miño e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil  de Tui.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente ás 17:15 horas.

CHOQUE MÚLTIPLE. Ademais, unha colisión ocorrida en Moaña entre dous coches e un camión saldouse cunha persoa ferida, que tivo que ser evacuada ao Hospital Povisa. Ocorreu na PO-551, concretamente no punto quilométrico 31, ao redor das 12:15 horas.

Desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención, tras recibir a alerta a través dunha persoa particular, do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros do Morrazo, da Policía Local, da Garda Civil de Tráfico e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Moaña. Ademais, os xestores do 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros de Vigo e do servizo de mantemento da estrada.

ACCIDENTE ENTRE DOUS COCHES. Unha menor tivo que ser atendida polos servizos sanitarios despois de producirse unha colisión entre dous turismos en Ponte Caldelas.

O sinistro tivo lugar no punto quilométrico 10,800 da PO-532, uns minutos antes das 17:00 horas.

Unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar do sucedido e, decontado, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros do Morrazo e ao servizo de mantemento da vía.

COLISIÓN ENTRE FURGONETA E COCHE. Por outra banda, nas Neves, tres persoas resultaron feridas nunha colisión na que se viron implicados un coche e unha furgoneta. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, dúas das vítimas viaxaban no turismo accidentado e a outra na furgoneta.

Cómpre destacar que, para atención das persoas feridas, descartouse empregar o material de excarceración ao atoparse accesibles despois do accidente.

O sinistro tivo lugar na estrada que une Ponteareas e As Neves, ao fío das 16:00 horas.

Foi unha persoa particular quen alertou do accidente ao 112 Galicia e, nada máis ter constancia, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención do 061-Urxencias Sanitarias, dos GES e Bombeiros de Ponteareas e do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Baixo Miño.

Comentarios