Piden ata 16 anos de cárcere para a acusada de prender polo menos 11 incendios forestais 

A muller, veciña de Cerceda, empregaba chisqueiros, papeis e velas aromáticas

Estado de la parroquia de Chandebrito, en Nigrán, tras los incendios. AEP
photo_camera Terreo queimado. AEP

Unha veciña de Cerceda enfróntase a próxima semana a unha petición de ata 16 anos de prisión por supostamente provocar polo menos 11 incendios forestais prendendo lume con chisqueiros, papeis e velas aromáticas. 

A Audiencia Provincial da Coruña fixou para a xornada do martes o xuízo, no que se analizan varios incendios forestais ocorridos na zona durante o verán de 2016. En concreto, a muller é sospeitosa de provocar ata 15 lumes, aínda que a Fiscalía considera probada a súa participación en 11. 

Segundo recolle o escrito de acusación de Fiscalía, o termo municipal de Cerceda rexistrou entre mediados do mes de xullo e o 12 de agosto dese ano unha serie de incendios forestais que afectaban a un radio de aproximadamente tres quilómetros e que "se producían sempre nas mesmas franxas horarias", ben á primeira hora da mañá ou da tarde. 

A Garda Civil centrou desde o primeiro momento as súas sospeitas nunha veciña da zona, M.C.G.G, que realizaba diariamente desprazamentos por esta área para levar ao seu marido ao traballo, nunha gasolineira, onde alternaba a xornada de mañá coa de tarde. Os investigadores detectaron que a orixe dos lumes coincidía con estes desprazamentos.

POLO MENOS 11 LUMES. No escrito de fiscalía detállanse varios lumes que, segundo indica, "constatouse" que produciu a acusada, valéndose para iso do seu vehículo e de chisqueiros, velas e papel que levaba no seu coche. 

En concreto, indica dous focos de pequeno tamaño orixinados na zona de Portofranco o día 12 de agosto de 2016, sobre o sete horas, que se produciron con poucos minutos de diferenza e separados por 140 metros. Un veciño da aldea foi o que viu as columnas de fume e apagou os lumes. 

A continuación, o mesmo día, Fiscalía considera probado que a muller se desprazou ata as proximidades dunha nave propiedade do Concello de Cerceda e deixou unha vela acesa nun piñeiral próximo. Neste caso foi un empregado municipal o que observou o fume e procedeu a apagalo. 

Finalmente, o Ministerio Fiscal narra que a acusada se desprazou despois ata a Vila Deportiva Fernando González Laxe, onde "plantou lume" en seis parcelas utilizando o sistema das velas aromáticas para "retardar a propagación" das chamas e que puidese "afastarse" da zona. Estes lumes queimaron case 5.000 metros cadrados de arboledo e foi necesaria a actuación de servizos de extinción da Xunta. 

Ademais, nas proximidades, a muller está acusada de plantar outros dous focos que, aínda que non chegaron a estenderse, atopábanse "a escasos metros dunha vivenda unifamiliar habitada". 

No momento da súa detención, que tivo lugar nas inmediacións do último lume, a Garda Civil localizou na súa poder cinco veas aromáticas máis, ademais de mistos, papel e nove chisqueiros.

RISCO EXTREMO. Durante eses días, lembra o escrito de fiscalía, houbo en Cerceda temperaturas máximas que chegaron ata os 33 graos e unha humidade por baixo do 30%, así como fortes ventos, polo que a zona presentaba "un risco de incendios extremo", circunstancia que foi "aproveitada" pola procesada.