El tiempo
martes. 31.01.2023
El tiempo

Pontón apela a "Verín non se pecha" para "un cambio liderado polo BNG" o 12-X

Ana Pontón co seu agasallo. EFE
Ana Pontón co seu agasallo. EFE
"Se os galegos e as galegas me dan o seu apoio para liderar o próximo goberno imos fortalecer a sanidade pública", afirmou a líder do BNG

A portavoz nacional e candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, asegurou que se o próximo 12 de xullo trasládase a toda Galicia a mobilización "Verín non se pecha" contra a supresión de servizos no Hospital Comarcal desta localidade ourensá, haberá cambio liderado polo Bloque. 

Pontón mantivo este luns un encontro cos representantes da Plataforma Verín non se pecha e persoal sanitario, aos que trasladou o seu "orgullo e admiración" pola mobilización en defensa da sanidade pública que, segundo lembrou, permitiu evitar o peche da sala de partos e da atención pediátrica urxente neste centro. 

"Desde aquí pido estender o espírito e a rebeldía de Verín non se pecha a toda Galicia o 12 de xullo. Se o facemos haberá cambio galego e por primeira vez un goberno en clave de país liderado por unha muller e por unha nacionalista", manifestou Pontón, que lembrou que Feijóo tivo "a súa primeira derrota" neste municipio. 

Despois de destacar que para o BNG foi "unha honra" estar á beira dos veciños na súa loita, reafirmou o "total compromiso" da formación nacionalista coa sanidade pública ao considerar que "nada hai máis importante que garantir o dereito á saúde das persoas con independencia da súa situación económica. 

"Feijóo pechou camas, deixou no chasis a atención primaria, recortou persoal e precarizou as condicións laborais do persoal sanitario até extremos disparatados"

"E iso só é posible cunha sanidade pública forte, libre de recortes e privatizacións", indicou a candidata nacionalista, que asegura que un goberno do BNG vai reverter todos os recortes dunha década de "acoso e derriba ao sistema público" por parte do candidato do PP. 

Neste sentido, comprometeu dúas medidas de aplicación prioritaria. "Se os galegos e as galegas me dan o seu apoio para liderar o próximo goberno imos fortalecer a sanidade pública con dúas medidas a adoptar nos primeiros cen días de goberno: cubrir as 6.000 prazas vacantes no Sergas lanzado unha oferta pública de emprego inmediata e un plan de reforzo da atención primaria dotada de 200 millóns", sinalou. 

Para a líder do Bloque, unha das leccións que deixa a Covid-19 é que só unha sanidade de calidade, con medios e co persoal necesario, vai permitir facer fronte a esta pandemia e a outras que poidan vir no futuro. 

"Feijóo pechou camas, deixou no chasis a atención primaria, recortou persoal e precarizou as condicións laborais do persoal sanitario até extremos tan disparatados que hai profesións que asinan centos de contratos ao ano", denunciou Pontón, que tamén criticou as "ocorrencias indignas" de Feijóo como o bono de 250 euros para gastos en lecer. 

"O Goberno proclama que Galicia é destino seguro, pero os galegos e as galegas tamén queremos que Galicia sexa un lugar seguro para as persoas que vivimos e traballamos aquí"

"Un xesto indigno que foi contestado con dignidade polos profesionais dicindo que non queren propinas senón un sistema de saúde público forte e libre de precariedade", recalcou.

ACTUACIÓN EN CASO DE REBROTE. Ante a finalización do estado de alarma e a posibilidade de que os cidadáns se despracen entre os distintos territorios, Ana Pontón preguntouse onde está o protocolo da Xunta para actuar no caso de que haxa algún rebrote 

"O Goberno proclama que Galicia é destino seguro, pero os galegos e as galegas tamén queremos que Galicia sexa un lugar seguro para as persoas que vivimos e traballamos aquí e o menos que pódese esixir é que o Goberno do PP teña un protocolo claro para saber como actuar de inmediato ante un rebrote", sostivo.

AGASALLO. Despois do encontro coa plataforma, profesionais da sanidade e veciños, Pontón recibiu un agasallo para a súa filla de catro meses, un body no que se podía ler "mamá presidenta". 

A dirixente nacionalista agradeceu o xesto e explicou que a súa filla non naceu neste municipio por "48 horas" xa que dous días antes de que se lle adiantase o parto tiña en axenda unha visita ao Hospital comarcal de Verín para trasladar o seu apoio ás mobilizacións en defensa da continuidade do paritorio. 

Pontón apela a "Verín non se pecha" para "un cambio liderado polo...
Comentarios