Pontón cre que "o cambio político en Galicia" vai empezar nas municipais 

A líder nacionalista ve ao BNG como unha alternativa "solida" para que os Concellos "funcionen"

Ana Pontón. EFE
photo_camera Ana Pontón. EFE

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, está "convencida" de que "o cambio político en Galicia vai empezar nas eleccións municipais", e que no momento actual o PP non revalidaría a súa maioría nunhas autonómicas cun Alberto Núñez Feijóo que "non é capaz" de defender os intereses de Galicia, debido á súa propia "ambición persoal". 

En entrevista á Cadena Ser, asegurou, "desde a humildade pero con todo o optimismo", que o BNG "irá a por todas". Considera que "fortalecer a alternativa que representa o BNG" é unha aposta "sólida" para quen queren uns concellos "que realmente funcionen, que melloren a calidade de vida dos cidadáns, que lles dean contornas saudables e que recuperen o público para a cidadanía". 

Ana Pontón admitiu que a formación nacionalista xógase "moito nas municipais", xa que a alternativa é "manter os gobernos que están a funcionar ou pór en marcha cambios desde a base que permitan ter concellos abertos aos servizos dos cidadáns". 

Ante o seu apoio político a outras formacións puntualizou que "sempre que ese cambio dependa do BNG" e o PP non conte con maiorías absolutas "favorecerase que haxa alternativas"; iso si, farase "sobre a base dun programa" e da necesidade de acometer "cambios reais".

O FUTURO DE FEIJÓO. A líder do BNG mostrouse "convencida" de que "se neste momento houbese eleccións" autonómicas, o PP non revalidaría a maioría absoluta e arremeteu duramente contra Feijóo e os continuos rumores do seu futuro en Madrid. 

"Creo que o maior problema que ten Galicia é un goberno sen proxecto, á deriva e esgotado; a maior debilidade, un presidente que, por ambición persoal, non é capaz de defender os nosos intereses e fainos perder oportunidades". 

Para Pontón, a "submisión absoluta" de Feijóo aos "intereses do seu partido" provoca que "nunca Galicia fose tan irrelevante e maltratada como hoxe co PP" e esa situación deixa "consecuencias que os cidadáns ven". 

Así, a portavoz nacional agregou que lle "cansa" o "culebrón" de Feijóo como sucesor de Mariano Rajoy xa que non lle parece "relevante" o "punto de destino" do presidente galego, quen "está claro que se presentou para irse". 

"DOUS ANOS DE ILUSIÓN". Así se manifestou Ana Pontón, cando se cumpren dous anos á fronte do BNG, un tempo no que "desde o inconformismo" atopa "motivos" para estar "satisfeita co traballo deste novo equipo". 

"Conseguimos recuperar a ilusión, que se nos vexa como unha forza unida cun proxecto cohesionado, que temos unha alternativa que representa a modernización deste país e a solución aos problemas estruturais que vimos arrastrando". 

Entre as sombras deste período, sinala que aínda están "a mellorar e ampliando a base organizada dentro do nacionalismo e superando banzos para saír adiante". 

Foron, así, vinte e catro meses nos que, apunta, non só se freou a sangría de militantes senón que se rexistra "un incremento moi importante" de afiliados, sobre todo novos e mulleres, algo "moi importante" nun momento no que "o debate sobre os dereitos das mulleres está máis presente que nunca" e de aí a importancia "de que existan en política mulleres con perspectiva feminista, que defendan que a axenda política ten que incorporar o debate sobre a igualdade como un elemento chave". Para mostra, referiuse ao grupo parlamentario, no que as mulleres forman unha "maioría esmagadora".

CAMBIOS EN VIGO E OURENSE, INCÓGNITA EN SANTIAGO. Antes do verán, o BNG fará públicos os candidatos ás alcaldías das cidades galegas "e dalgunha vila". O rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantense como unha "figura sólida" que non cre que vaia a ser cuestionada. 

Para Vigo e para Ourense anunciou "apostas importantes", mentres que dá todo o seu apoio ao actual e "magnífico" portavoz en Santiago, Rubén Cela, quen xa expresou as súas dúbidas sobre repetir como cabeza de lista. 

Comentarios