jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

Pontón critica aos políticos que só acoden a Galicia facer "turismo electoral"

Ana Pontón, nun mitin en Lugo. XESÚS PONTE
Ana Pontón, nun mitin en Lugo. XESÚS PONTE

A portavoz nacional do BNG ironiza e califica aos candidatos das forzas estatais que só exercen "o repetitivo papel de paracaidistas"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ironizou sobre os candidatos das forzas estatais que, unha campaña máis, exercen o "repetitivo papel de paracaidistas" en busca de votos e só acoden a Galicia facer "turismo electoral". Nun mitin celebrado este sábado en Lugo e do que informou o BNG nun comunicado, Pontón pediu o voto para un Bloque "en remontada" que aspira a ser "decisivo" na política do Estado nun escenario sen maiorías absolutas e no que os deputados nacionalistas usarían a súa forza para pasar a páxina de catro anos de "discriminación" con Galicia.

"Veñen facer turismo electoral e non se molestan en facer propostas para resolver os problemas que temos no país nin cando veñen aquí", censurou a xefa de filas dos nacionalistas galegos, que criticou que o gran tema da campaña sexa "o debate a cinco".

Na súa intervención, Pontón fixo un prognóstico do que se mostrou tan convencida que mesmo se atreveu a apostar o seu coche. "Estou segura de que non o vou perder. Nese debate no que participará a colección de machos alfa da política estatal, nin Pedro, nin Pablo, nin o outro Pablo, nin Rivera, nin o reconquistador van dedicar nin un só minuto a falar de Galicia. Só queren o botín dos votos", indicou.

Precisamente, para falar de Galicia, lembrou que a súa formación propuxo ao resto das forzas galegas celebrar un debate na Televisión de Galicia en horario de máxima audiencia. Con todo, sinalou que o "campión dos debates" -en referencia a Feijóo- "dixo que non".

Pontón pediu o voto para o Bloque para "ser decisivos na política do Estado a favor dos galegos e galegas nun escenario sen maiorías absolutas". O reto o 28-A "non está en optar por unha dereita botada ao monte ou por unha esquerda que non foi capaz de derrogar as contrarreformas laborais, a lei mordaza ou a LOMCE. A decisión é Galicia si ou Galicia non, e este 28-A miles de galegos van dicir Galicia si collendo a papeleta do BNG", concluíu.

REIVINDICACIÓNS. Infraestruturas, "sangría demográfica" e acabar co "espolio enerxético" que pon "miles de empregos na picota" no sector industrial e agrogandeiro centraron as reivindicacións da candidata ao Congreso pola provincia de Lugo, Maite Ferreiro. "O BNG ten propostas como a tarifa eléctrica galega, que daría estabilidade ás empresas electrointensivas como Alcoa, na Mariña", manifestou a aspirante á Cámara baixa. "E tamén nas explotacións agrogandeiras nas que o custo enerxético supón un dos máis importantes gastos de produción", sinalou.

Pontón critica aos políticos que só acoden a Galicia facer "turismo...
Comentarios