Pontón, ilusionada, nunha xornada na que os galegos "nos xogamos moito"

A líder do BNG asegura que vive o día das eleccións con "moita ilusión"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dixo vivir o día das eleccións con "moita ilusión" porque a deste domingo "é unha xornada importante na que os galegos nos xogamos moito". "Imos decidir o noso presente e futuro" dixo Pontón que foi a máis madrugadora dos líderes galegos á hora de exercer o seu dereito ao voto xa que o fixo pouco despois de que abrisen os colexios; ás 9:30 no CGAC.

A portavoz do Bloque animou a votar "pensando en que Galicia queremos vivir e que futuro querémoslle deixar aos nosos fillos". Por iso, admitiu que ela exerceu o seu dereito "votando con ilusión e con confianza no futuro".

Pola súa banda, o candidato á Cámara Baixa pola Coruña, Néstor Rego, acompañou á súa xefa de filas a votar e mostrou a súa "plena confianza en que vai ser un gran día".

O 28 de abril, dixo, "hai cousas que poden cambiar" para conseguir "dar voz á nosa xente", sinalou o candidato nacionalista que aspira a que o BNG recupere a representación no Congreso.

A anécdota da votación na xornada da nacionalista foi a súa coincidencia co arcebispo de Santiago, Julián Barrio, que tamén acudiu, igualmente a exercer o seu voto, ao Centro Galego de Arte Contemporánea.

Comentarios