Cinco positivos e 38 posibles contaxios entre o persoal de Correos en Galicia

Os sindicatos UXT e CC OO denuncian a "ausencia de medios" de prevención durante máis de 20 días
Correos. ADP
photo_camera Correos. ADP

Un total de cinco traballadores do cadro de Correos en Galicia permanecen en corentena por dar positivo por coronavirus, segundo os datos facilitados por UXT e CC OO, aos que hai que sumar outros 38 posibles contaxios. Por provincias, dos 43 casos entre infectados e pendentes de confirmar recompilados, 21 correspóndense coa provincia da Coruña; 13 con Pontevedra; cinco coa de Lugo; e outros cinco coa de Ourense.

No conxunto do Estado, son de 836 os traballadores que xa deron positivo e 2.197 os que se atopan en corentena. 

Para os sindicatos, estas cifras "son o reflexo dos incumprimentos dos protocolos sanitarios e das medidas de seguridade". Os sindicatos tamén denuncian que os últimos datos son de 13 de abril e que, desde entón, "a empresa, en contra do criterio do Goberno, deixou de dar datos". 

Así, destacaron a "ausencia de medios" de prevención durante máis de 20 días para os traballadores en lugares como Trives, A Rúa, Ferrol, Vigo, A Coruña, Arteixo ou Lugo, entre outros. Ademáis, censuraron a "falta de protocolos" de corentena ou as "insuficientes medidas de desinfección" de locais e oficinas.

As centrais sindicais tamén advertiron de que a empresa obviou " as instrucións de rotación impostas", o que aumentou o número de traballadores expostos a diario, "pasando o cadro de traballar días alternos a unha exposición diaria", xerando, ademais, "unha discriminación entre centros de traballo e localidades". CC OO e UXT lembran, neste sentido, que non só os traballadores son "susceptibles" de ser contaxiados, senón que poden "converterse en transmisores de contagios á cidadanía".

"MÍNIMO IMPRESCINDIBLE". Pola súa banda, consultadas por Europa Press fontes de Correos, que non facilitaron cifras, aseguraron que a entidade "só presta o servizo postal público, o que se denomina servizo universal", e defendeu que desde a declaración do estado de alarma adoptáronse medidas "organizativas para garantir a continuidade do servizo, co persoal mínimo imprescindible, e ao mesmo tempo protexer a saúde de traballadores e clientes". 

Deste xeito, en canto ás medidas de protección, Correos afirma que "toda a rede dispón de luvas, xeles e máscara" e "o nivel de protección máximo indicado polas autoridades sanitarias de España". Tamén se instalaron biombos protectores en todas as oficinas de Correos coa finalidade de incrementar a seguridade dos traballadores e protexer a súa saúde. 

Comentarios