
A través desta figura legal, a compañía conta con tres meses para negociar a súa débeda co Sergas antes de ir a concurso
A dirección do hospital Povisa de Vigo solicitou este venres o preconcurso de acredores, que achaca ás perdas acumuladas tras a posta en marcha do último concerto co Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Nun comunicado, Povisa concreta que as perdas se elevaron a 5,5 millóns de euros en 2015, a 4,3 millóns en 2016 e a 5,4 millóns en 2017, e engade que a tendencia se agravou no que vai do presente exercicio.
Alega nunha nota que trasladou tamén aos seus traballadores que ata agora puidera facer fronte a esas "cuantiosas perdas" grazas ao fondo de reserva co que contaba a empresa debido á súa actividade privada e ao feito de non distribuír dividendos entre os seus accionistas desde fai 25 anos.
Povisa recorda que a finais de 2017 comunicou ao Sergas que este fondo se esgotaría antes de que acabase 2018, e instouno a buscar unha solución urxente ao "desequilibro" provocado polo concerto.
Dadas as circunstancias, a dirección de Povisa informa de que comezou a atrasar pagos, entre eles o de IRPF, e viuse abocada a solicitar o preconcurso de acredores.
Agora ábrese un período máximo de tres meses de negociación co principal cliente de Povisa, o Sergas, xa que a situación actual débese "única e exclusivamente" ás interpretacións que a administración sanitaria fai do concerto vixente desde 2014.
Recalca que as perdas atribuíbles ao concerto co Sergas elévanse, desde a súa entrada en vigor ata a actualidade, a 42 millóns de euros.
Abunda en que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e a xerencia do Sergas foron informados deste "fortísimo desequilibro" en xaneiro, e en marzo trasladaron o informe de auditoría de 2017 que prevía o esgotamento inminente das reservas e que a continuidade da empresa estaba comprometida a curto prazo.
Alude tamén a un informe elaborado por expertos "independentes" que conclúe que as perdas rexistradas pola sociedade entre 2014 e 2017 foron motivadas exclusivamente polas perdas rexistradas na actividade do sector púbico.
Este informe fixaba en 30 millóns de euros, a 31 de decembro de 2017, as perdas derivadas do concerto desde a súa entrada en vigor en 2014, cifra á que se suman os 9 millóns acumulados desde finais do ano pasado e 3 millóns correspondentes á detracción de tratamentos previos dos anos 2014 ao 2017.
A pesar da "delicada situación", a dirección de Povisa confía en chegar a un acordo co Sergas que evite o concurso de acredores "e as consecuencias que iso tería para traballadores, pacientes, provedores e, en definitiva, para o futuro do hospital".
Engade que non pretende "gañar un só euro coa atención pública, que de feito é altamente deficitaria para o hospital".