O PP denunciará a Abel Caballero por un delito contra a saúde pública pola xestión da auga

Os populares entenden que hai "indicios máis que sobrados" de responsabilidade penal por parte do Concello

Abel Caballero. XOÁN REY (EFE)
Abel Caballero. XOÁN REY (EFE)

O Partido Popular de Vigo presentará este mes unha denuncia contra o alcalde olívico, Abel Caballero, por un suposto delito contra a saúde pública, ao entender que hai "indicios máis que sobrados de que hai responsabilidade penal" na xestión da auga por parte do Goberno municipal, así como por negación "da realidade e ocultar informes absolutamente palmarios". 

Así o anunciou este martes a portavoz popular, Elena Muñoz, que incidiu en que esta é unha decisión "tomada de forma consciente e meditada, logo de analizar cada detalle e cada dato con asesores xurídicos durante os últimos meses". 

En relación con iso, remarcou que nos últimos meses "decenas de analíticas" arroxaron que a auga na cidade era "non potable", e mostraba valores superiores ao permitido para ser apta para consumo humano en ferro, cloro, trihalometano e turbidez. 

Ademais, recordou que, aínda que o PP solicitou analíticas e informes sobre os métodos empregados para estudar a auga, non llos remitiron. "Hai casos que exceden todos os límites. Ímonos aos tribunais porque non todo vale, a saúde vigueses por encima de todo", remarcou.

MULTA DA XUNTA. A edila fixo este anuncio un día logo de coñecerse que a Xunta impuxo ao Concello de Vigo unha multa de 21.250 euros pola suposta comisión de tres infraccións graves e unha leve en materia de abastecemento de auga nos controis do laboratorio municipal. 

En concreto, a Xunta sostén que o laboratorio municipal non está "nin certificado nin acreditado", que as mostras que se tomaron nas billas "non eran representativas de todo Vigo", e que existen "numerosas analíticas de auga non apta para o consumo" en mostras dos anos 2016 e 2017 nas zonas de Canido, Areal, Cabral, Beiramar, A Salgueira, Saiáns e o edificio municipal. 

Finalmente, mantén que nestes casos detectados, "non se seguiron os protocolos que esixe a normativa cando se detecta auga non apta para o consumo", os cales consisten en confirmar "ás 24 horas se continúa esta situación e informar á autoridade sanitaria".

"DÁME IGUAL O QUE FAGA O PP". Cuestionado polos xornalistas en relación con este tema, durante unha rolda de prensa celebrada tamén este martes, Caballero limitouse a dicir que lle dá "exactamente igual o que diga ou faga o PP". 

No entanto, este luns, en resposta á multa da Xunta, Caballero si que defendeu que a auga de Vigo foi "sempre potable, en cada segundo de cada minuto, de cada hora, de cada día, de cada semana e de cada mes, dos últimos 10 anos". 

Comentarios