O PPdeG empezará xa a presentar aos seus candidatos ás municipais

A saída de Beatriz Mato e Rey Varela do Executivo galego para competir polas alcaldías da Coruña e Ferrol en 2019 dáse por feita 

Mato e Rey Varela. EP
photo_camera Mato e Rey Varela. EP

O PPdeG empezará a presentar aos seus candidatos ás eleccións municipais "nas próximas semanas", mentres permanece á espera dunha eventual remodelación do Executivo que dirixe Alberto Núñez Feijóo, posto que se dá por feita a saída de polo menos dous dos seus conselleiros para baterse na area municipal en 2019. 

En rolda de prensa, o secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, rexeitou falar da remodelación e, preguntado acerca de se vería factible compaxinar o seu cargo orgánico con ser titular dun departamento autonómico, remitiuse ao que poida decidir Feijóo, quen ten a competencia exclusiva respecto diso. 

"Correspóndelle a Feijóo. Él ten a decisión exclusiva sobre quen compón o seu gabinete", aseverou. 

A data da remodelación continúa, deste xeito, no aire, aínda que fontes do partido consultadas por Europa Press consideran que será "máis ou menos inminente". Feijóo evitou dar pistas este xoves e incluso asegurou non ter "ningunha ansiedade" porque –dixo– desexaría non prescindir de ningún membro do seu equipo. 

En todo caso, o presidente si recoñeceu que hai cidades en Galicia "sen goberno ou con gobernos moi deficientes" coas que o PPdeG está "comprometido". No partido dáse por feito que os actuais titulares de Política Social, José Manuel Rey Varela, e Medio Ambiente, Beatriz Mato, serán as cabezas de cartel para Ferrol e A Coruña nos próximos comicios locais. 

Do calado da remodelación, Feijóo tampouco quixo dar pistas e, sen pechar a porta a nada, deixou unha frase que pode dar lugar a múltiples lecturas: "Non se pode descartar nada".

CANDIDATOS, A PARTIR DA PRÓXIMA SEMANA. Tellado subliñou que os candidatos aínda non foron designados e atribuíu as críticas da oposición a Mato e Rey Varela por facer "uso partidista" das súas carteiras na Xunta ao "nerviosismo" que lles provoca saber que o PPdeG irá gañar" nas sete urbes galegas. 

"É compatible traballar por Galicia e por unha cidade", xustificou, ademais. 

Así, segundo fontes consultadas por Europa Press, aínda que a remodelación está en mans de Feijóo, os populares si prevén empezar xa a partir da próxima semana a presentar os aspirantes ás alcaldías nas cidades. 

Deste xeito, ademais de Mato e Rey Varela como candidatos na Coruña e Ferrol, en Ourense, única cidade na que gobernan os populares neste mandato, o rexedor, Jesús Vázquez, xa asegurou este venres que se vai a presentar. 

Así mesmo, salvo sorpresa, en Santiago e Vigo concorrerán os actuais portavoces locais, Agustín Hernández e Elena Muñoz, mentres que en Lugo e Pontevedra os aspirantes serán os presidentes locais da formación: o exsubdelegado do Goberno Ramón Carballo e Rafael Domínguez, respectivamente. 

Comentarios