O programa do Xacobeo 2021 arrincará esta primavera con máis de 30 actividades

O Ministerio de Cultura e Deporte presenta en Fitur un programa de actividades a través de varias comunidades
El ministro de Cultura y Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes y su homóloga de Industria, Comercio y Turismo, Reyes Maroto.FERNANDO ÁLVARO (Efe)
photo_camera El ministro de Cultura y Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes y su homóloga de Industria, Comercio y Turismo, Reyes Maroto.FERNANDO ÁLVARO (Efe)

O ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, en calidade de presidente do Consello Xacobeo, destacou este xoves que o programa de Xacobeo 2021 arrincará esta primavera con máis dunha trintena de actividades.

Rodríguez Uribes e a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, presentaron este xoves na caseta de Turespaña en Fitur o avance de programa de actividades do Estado e as comunidades autónomas polas que discorre o Camiño de Santiago histórico que se está preparando para celebrar o Xacobeo 2021.

O ministro de Cultura e Deporte sinalou que no programa oficial hai xa máis de trinta actividades. "Estamos listos para arrincar a celebración na primavera deste ano", destacou o ministro.

Tal e como sinalou, "o programa é o resultado dunha colaboración intensa entre todos os membros do Consello Xacobeo", á vez que agradeceu ás comunidades autónomas que conforman este órgano e ás Asociacións de Amigos e á Asociación de Municipios do Camiño de Santiago a súa comprensión de "a potencialidade que ten unha conmemoración deste tipo para a vertebración do territorio e a dinamización social, cultural e turística".

Para facer extensiva a celebración do Ano Xubilar, Rodríguez Uribes anunciou a creación dun grupo de traballo dentro da Conferencia Sectorial de Cultura para que todas as comunidades autónomas poidan facer as súas achegas á conmemoración.

Pola súa banda, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, destacou a creación doutro grupo de traballo específico con motivo do Ano Santo Xacobeo "no que todas as comunidades autónomas están tamén colaborando na difusión turística deste extraordinario recurso cultural".

O ministro de Cultura e Deporte destacou como acción paralela ao programa oficial, o desenvolvemento do Programa Xacobeo de conservación e posta en valor de bens culturais, elaborado en coordinación coa Xunta de Galicia e a Fundación Catedral de Santiago, iniciado en 2019, que leva un investimento até 2022 de 30 millóns de euros en bens culturais de Galicia.

A ILUSTRACIÓN ESPAÑOLA REINVENTA A IMAXE DO XACOBEO 

A nova imaxe da conmemoración plasmouse xa na web do Xacobeo 2021 e no proxecto Historietas Xacobeas, que serán o fío transmisor do programa de actividades do Consello Xacobeo.

Impulsado polo Ministerio de Cultura e Deporte, Historietas Xacobeas foi un proxecto comisariado polo escritor e xestor cultural José Ton Martínez e o ilustrador e historietista Pere Joan

Para o seu desenvolvemento, encargouse a un conxunto de dezaseis ilustradores españois a creación dunha iconografía xacobea contemporánea, dando lugar a carteis, postais e historietas sobre conceptos, mitos e outras narrativas do Camiño de Santiago. Entre eses creadores, figuran nomes como os de Juan Berrio, Calpurnio, José Domingo, IRati F.G., Miguel Gallardo, Ana Galván, Elena Ibáñez, Raquel Lagartos e Julio C. Iglesias, Miguelanxo Prado, Pepa Prieto, Sonia Puído, Antonia Santolaya e Mikel Valverde.

Doutra banda, o Consello Xacobeo tamén levará a cabo un conxunto de accións para a difusión turística deste itinerario cultural e a acollida a visitantes e peregrinos. O obxectivo é lograr unha mellora na prestación de servizos e a redución do impacto ambiental. Destacouse a importancia de que a sustentabilidade do Camiño sexa un dos eixos transversais da conmemoración.

Con motivo do Ano Santo, as comunidades autónomas do Camiño facilitarán a apertura de monumentos a través de acordos coa Igrexa. Por outra banda, prepararanse folletos informativos sobre os espazos naturais singulares, O Camiño Verde, e un folleto-pasaporte gastronómico xacobeo.

Comentarios