jueves. 28.10.2021 |
El tiempo
jueves. 28.10.2021
El tiempo

Propoñen dar o nome de Rosalía a unha estrela: "Non hai nome mellor para colocalo no ceo"

Rosalía de Castro. ARQUIVO
Rosalía de Castro. ARQUIVO
Desde o pasado venres e até o 12 de novembro xa se pode votar por internet a candidatura 

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e a Fundación Rosalía de Castro promoven unha campaña para porlle o nome da autora padronesa a unha estrela (HD 149143) e o do río Sar a un exoplaneta asociado (HD 149143b). Desde o pasado venres e até o próximo 12 de novembro permanecerá aberta a votación, que será a través de internet. 

A iniciativa foi presentada este luns nunha rolda de prensa no salón de actos da Casa das Ciencias da Coruña polo membro da xunta directiva da Agrupación Ío Martín Pawley e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. A idea partiu da campaña mundial 'NameExoWorlds', coa que a Unión Astronómica Internacional quere celebrar o seu centenario. Así, esta entidade permite que cada país do mundo lle poña nome a unha estrela cun exoplaneta asociado. 

HD 149143 é a estrela que lle toca a España. Situada na constelación de Odiuco, o Serpentario, ten unha magnitude relativa de 7,89, o que a converte nun obxectivo visible con prismáticos en ceos escuros. Con todo, o mellor momento para ver esta estrela é "no verán", segundo comentou Pawley.

A Fundación Rosalía de Castro buscará darlle o nome da escritora a unha estrela e o do río Sar a un exoplaneta

"ROSALÍA É UN EMBLEMA". "Desde Galicia non hai outro nome que se axuste mellor a colocalo no ceo", comentou Pawley en relación á proposta do dotar á estrela co nome de Rosalía, unha escritora cuxa obra —lembrou— "está chea de referencias ás estrelas". 

Pola súa banda, Anxo Angueira trasladou o "orgullo" que supón esta iniciativa para a Fundación Rosalía de Castro. "Rosalía é un emblema que nos une; representa a Galicia no mundo, no universo", destacou o presidente da entidade. 

Os votos para a candidatura da estrela Rosalía recóllense a través da web http://nombraexoplanetas.es/ até o día 12 de novembro. Os resultados finais coñeceranse nun anuncio oficial da Unión Astronómica Internacional a partir de mediados de decembro. 

Propoñen dar o nome de Rosalía a unha estrela: "Non hai nome mellor...
Comentarios