Unha queima de restrollos orixinou o lume do Vicedo que queimou 25 hectáreas

A aparición da choiva a media tarde axudou a extinguir as chamas

Equipo de extinción do incendio do Vicedo. EP
photo_camera Equipo de extinción do incendio do Vicedo. EP

Un incendio forestal arrasou este domingo unha importante superficie, de ao redor de 25 hectáreas, nunha zona situada no alto das Moreiras e a zona de Vilela. Foi un lume que se orixinou ao redor da unha da tarde e que non conseguiron controlar ata as seis da tarde, cando comezou a chover e iso axudou aos equipos de extinción de incendios, que tiveron moitos problemas co lume durante todo o día a consecuencia do forte vento reinante na zona. O incendio quedou apagado ao redor das 21.00 horas.

En principio, todo apunta a que a orixe do lume estivo nunha queima de restrollos que se descontrolou. Desprazáronse ata O Vicedo un técnico forestal, un axente, sete brigadas, cinco motobombas e un helicóptero.

A medición da superficie afectada non é aínda oficial, xa que se trata dunha zona que se calculou a ollo, á espera de que se estableza oficialmente a superficie final afectada.

O incendio foi perigoso porque se orixinou nunha zona na que hai vivendas. Os equipos que traballaron na extinción do lume tiveron que ter isto moi en conta porque en varios momentos ameazaron as casas, aínda que finalmente o vento non empuxou as chamas na súa dirección.

O alcalde do Vicedo, Jesús Novo, mostrouse moi preocupado polo sucedido e explicou que "durante un tempo vin que a situación se nos podía ir das mans, porque había moito vento e non podi­amos coas chamas, que non paraban de medrar. Eu asusteime, porque ademais é unha zona na que hai casas, puidolles afectar, aí­nda que ao final non fose así. Menos mal que empezou a chover e iso axudounos moito"