A reforma da lei de saúde, o emprego e a AP-9 centrarán o próximo pleno do Parlamento

O PP defenderá manter a figura da prisión permanente revisable e a oposición preguntará a Feijóo polo paro e os servizos públicos 

Parlamento de Galicia. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Parlamento de Galicia. PEPE FERRÍN (AGN)

A reforma da lei galega de saúde someterase no próximo pleno á toma en consideración do Parlamento autonómico co rexeitamento frontal de toda a oposición, cuxos representantes chamaron a participar na manifestación en defensa a favor da sanidade pública e contra esta norma convocada para o vindeiro domingo. 


Ante o debate da "contrarreforma da lei de saúde" elaborada polo Executivo galego, a portavoz do BNG, Ana Pontón, avanzou que atopará aos nacionalistas "en contra" e apelou a que o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "escoite" á sociedade e "rectifique". Na mesma liña pronunciouse o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga. 


Leiceaga advertiu que a reforma que preparou a Xunta suporá "unha diminución na participación social na sanidade pública, ao reducir a participación nos consellos sanitarios de área que o Goberno galego "xa viña incumprindo". Tamén suporá "afastar os servizos sanitarios" de áreas relevantes como O Salnés, Valdeorras, A Mariña ou Lemos, que "serán absorbidos polas áreas provinciais". 


"Co PP estamos máis enfermos, sufrimos máis", manifestou, pola súa banda, Luís Villares (En Marea), quen tamén cargou contra a reforma da lei de saúde e incidiu en que a súa formación estará "activamente" na manifestación do domingo. 


En fronte, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu o proxecto do Goberno galego, á vez que avanzou que o texto está aberto a incorporar as emendas e melloras que propoña a oposición, pero non aquelas sustentadas nun discurso político que "non se corresponde coa realidade".

"REPENSAR O CONSELLEIRO DE ECONOMÍA". Pola súa banda, na sesión de control ao presidente, Feijóo terá que responder os socialistas sobre o desemprego na comunidade, mentres que BNG e En Marea interpelaranlle sobre a situación dos servizos públicos na comunidade, tales como sanidade e xustiza. 


Leiceaga incidiu en que os socialistas levarán ao pleno a "situación límite" á que o Goberno galego levou ao mercado laboral da comunidade, tras constatar que, neste último ano, cunha taxa de crecemento económico que supera o 3 por cento, "só foi capaz de crear 3.600 empregos. 


"Para reducir a taxa de desemprego necesitariamos cuadriplicar esa cifra", remarcou, antes de subliñar que a situación se ceba especialmente coa mocidade. Así, reclamaralle ao presidente que "responda deste fracaso absoluto" e mesmo suxeriu a posibilidade de que teña que "repensar se o conselleiro actual é o adecuado para levar a cabo as políticas de impulso da creación de emprego".

 
O PSdeG tamén levará ao pleno a situación do ensino a través dunha proposición non de lei para que o Goberno galego regule os cambios na rede pública de centros de ensino. Así mesmo, preguntarán ao Executivo sobre o cumprimento do acordo parlamentario para facer de Historia da Filosofía unha materia troncal no bacharelato, así como os problemas derivados da zonificación para a admisión de alumnos nos centros públicos de Vigo. 


Os socialistas tamén impulsarán unha interpelación sobre a dificultade das persoas con discapacidade intelectual para acceder ao emprego público e unha iniciativa de impulso coas reivindicacións do persoal de xustiza, que reclama que finalice a "discriminación laboral" con relación ao persoal do resto do Estado.

PRESIDENTE "INVISIBLE". Pola situación dos traballadores xudiciais na comunidade, coa ameaza de folga ás portas, tamén se preocupou o portavoz de En Marea, quen pedirá explicacións ao presidente da Xunta sobre "a grave deterioración dos servizos públicos de Galicia" para "beneficiar ás empresas privadas". 

"Por que se está xustiza? A resposta é evidente, porque a Feijóo non lle interesa que funcione ben. Só hai que pensar nos 200 casos de corrupción ao ano dos que a maioría implica ao PP", esgrimiu, antes de avanzar que o seu grupo esixirá que o Goberno cumpra co acordo da Cámara e atenda ás reivindicacións dos funcionarios de Xustiza. 


En Marea, que levará unha iniciativa fronte á subida de peaxes da AP-9 e que tentará "poñer as bases para o seu rescate para o público", alertou, así mesmo, da situación da sanidade galega, con "recortes" e o impulso dunha "prexudicial" reforma da lei de saúde. 


En Marea tamén levará ao pleno unha iniciativa de impulso relativa á compensación das perdas para o sector da castaña pola seca e outra contra as sondaxes na mina de Touro. 


Despois de reprobar a situación dos servizos públicos, Villares aludiu ao almorzo organizado por Europa Press no que participou Feijóo na pasada xornada en Madrid e afeou que o "presidente invisible" non tocou ningún destes asuntos nin aludiu "a Galicia" para nada porque usa o seu cargo como "trampolín".

"TARIFAZO ELÉCTRICO". Pola súa banda, Ana Pontón tamén anunciou que preguntará a Feijóo se está disposto a escoitar as "demandas cidadás" que "alertan das graves consecuencias dos recortes e privatizacións" dos servizos públicos. 


Á marxe da "precaridad" na sanidade, Pontón lembrou que "miles de persoas" expresaron nas rúas o seu malestar pola "deterioración" nos ámbitos educativo e sanitario, ao que se sumaron as mobilizacións da semana pasada dos traballadores xudiciais. 


Neste sentido, reclamará ao presidente que sente a negociar cos representantes dos traballadores porque "está na súa man frear a folga anunciada para febreiro". Tamén avanzou que preguntará sobre a comisión de seguimento dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) en Galicia que no seu día anunciou Feijóo. 


Por outra banda, denunciou que o Boletín Oficial do Estado (BOE) anuncia "outra estafa". "Serán os consumidores os que teñan que pagar os impostos que ata agora pagaban as empresas eléctricas: o imposto do canon eólico, o de contaminación, de saneamento e dano ambiental que ata agora pagaban as grandes multinacionais", esgrimiu. 


"Queremos saber que vai facer Feijóo: se vai defender os dereitos dos galegos para beneficiarnos dunha tarifa máis baixa ou vai defender unha nova estafa eléctrica e unha decisión do PP que pretende subirnos aínda máis a luz e que paguemos o recibo máis caro", aseverou.

Prisión permanente revisable
Pola súa banda, o PP defenderá no pleno unha proposición non de lei a través da que solicita o apoio do Parlamento á figura da prisión permanente revisable e que os grupos do Congreso "reconsideren a súa postura sobre a derrogación desta figura penal". 

Segundo explicou Pedro Puy, os populares tamén pedirán ao Goberno que os residentes en países que non pertenzan á Unión Europea tamén tributen no caso das herdanzas ou doazóns de acordo coa normativa da comunidade e non a estatal. 

O PP tamén preguntará ao Goberno sobre a viaxe de Feijóo a Israel e as axudas aos proxectos de transformación de produtos agrarios concedidas nos últimos anos; e sobre o fomento e a dinamización da lectura en Galicia. 

Finalmente, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, comparecerá para informar o Plan Galicia Innova 2020. 

Comentarios