Rescatan cinco cachorros abandonados xunto a un colector en Pazos de Borbén

Estaban ateridos de frío e foron trasladados ao centro de acollida da Deputación en Armenteira

Los cachorros abandonados en Pazos de Borbén. DP
Los cachorros abandonados en Pazos de Borbén. DP

Unha patrulla do Seprona da Garda Civil rescatou con vida a cinco cachorros recentemente nados abandonados nunha cuneta á beira dun colector de lixo no municipio pontevedrés de Pazos de Borbén.

A unidade do Seprona activouse tras unha chamada dun garda civil xubilado, que foi quen atopou os cachorros, e avisou por teléfono.

Cando chegou a patrulla do Seprona atopouse con cinco cachorros recentemente nados tirados no chan, sen apenas moverse. Estaban á beira dun colector de lixo, ateridos de frío, nunha zona sombría e encima de terra completamente mollada debido ao temporal dos últimos días, indica a Garda Civil nun comunicado.

Ante o risco de hipotermia pola humidade e as baixas temperaturas, os axentes reanimáronos secándoos cunha manta, procurándolles calor coas súas propias mans e coa calefacción do vehículo oficial.

Unha vez recuperados os cinco cachorros, catro femias e un macho, foron recollidos e trasladados ao centro de acollida de animais CAAN da Deputación Provincial de Pontevedra, en Armenteira.

A Garda Civil investiga o abandono dos animais e instrúe dilixencias por un suposto delito de malos tratos animais, á vez que se realizan xestións para localizar ao dono e propietario dos animais.

Comentarios