Resulta ferido nun aparatoso accidente en San Cibrao das Viñas

O turismo caeu por un desnivel e o condutor quedou atrapado no interior do coche

Un home resultou ferido tras sufrir un accidente de tráfico cando circulaba pola OU-525, á altura da entrada do polígono de Barreiros, en San Cibrao das Viñas (Ourense). 

Segundo informou o CIAE 112 Galicia, un particular informou o accidente sobre as 14.15 horas e alertou de que o home estaba ferido e de que non podía saír do vehículo. 

A partir de aí, os xestores do 112 pasaron o aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, que comunicaron que o turismo caera por un desnivel. 

Tamén puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de San Cibrao, que tiveron que intervir para liberar ao ferido, e dos axentes de Tráfico de Garda Civil, do GES de Pereiro de Aguiar e de Protección Civil de Barbadás. 

Debido ao impacto, un poste da iluminación resultou danado, polo que desde o 112 informouse da situación ao persoal da compañía de electricidade que abastece a zona. 

Unha vez liberada, a persoa foi trasladada polos sanitarios ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

NEGATIVO EN ALCOL E DROGAS. Pola súa banda, a Garda Civil informaron de que o home, que regresaba do traballo a casa, deu negativo nas probas de alcol e drogas e que investiga as causas do sinistro. 

No momento do accidente as condicións meteorolóxicas eran adversas polo que ante estas circunstancias o instituto armado recomenda aumentar a distancia de seguridade e diminuír a velocidade. 

Comentarios