O reto das dragaxes dos fondos mariños

Portos de Galicia asume a extracción de material do solo mariño para manter a operatividade dos peiraos autonómicos sen afectar ao contorno ambiental. Estas obras reforzan a seguridade dunha frota de cada vez maiores dimensións
Portos de Galicia2

A PLANIFICACIÓN, tramitación e execución das dragaxes de area e outros materiais dos fondos mariños para recuperar ou gañar calado nas instalacións portuarias é unha das actuacións máis delicadas que require a xestión do sistema portuario galego.

Dende inicios de século Portos de Galicia asume a necesidade de compatibilizar a ampliación de calados nas dársenas para que poidan operar barcos profesionais e buques comerciais cada vez máis grandes e con maior calado co respecto ao contorno medioambiental do litoral.

Os rexistros históricos de operacións de dragaxe en España iníciáronse no ano 1975 e as normativas estatais iniciais proceden de acordos internacionais da década dos anos 90, con convenios internacionais.

Pola súa banda, a Lei de Costas de 1988, prohibe a explotación económica da area das dragaxes e a Comisión Europea na Decisión 2000/532/CE e posteriores modificacións inclúe os produtos de dragaxe na Lista Europea de residuos polo que obriga á súa axeitada xestión.

Así, ambas normativas obrigan á Administración portuaria a asumir a planificación, tramitación e execución do 100% das actuacións de dragaxe seguindo procedementos regrados especialmente garantistas para a protección do medio ambiente.

Como consecuencia de todo o anterior, no arranque do século XXI Portos de Galicia ten ante si un eixo de traballo estrutural coas dragaxes para recuperar ou obter maiores calados practicamente na metade dos 122 portos que conforman o sistema portuario galego.

A dragaxe tanto das canles de acceso como das dársenas interiores é unha actividade fundamental para manter as condicións de operatividade dos portos e da frota en Galicia, tanto pesqueira como deportiva ou comercial, e de aí que no ano 2000 se iniciase a planificación e tramitación das actuacións máis urxentes neste ámbito.

Entre o 2001 e o ano 2021 realizáronse un total de 57 dragaxes, cun total de 1.375.389 metros cúbicos, o que equivale a case 200 campos de fútbol cun espesor medio de dragaxe dun metro.

En moitos dos casos, as actuacións foron dragaxes de pequena entidade, xa que salvo os efectuados en portos como Ribadeo, Burela ou Brens (Cee) que superan o volume de 100.000 metros cúbicos, a maioría dos acometidos nestes anos están comprendidos entre os 3.000 e os 25.000 metros cúbicos cada un.

Ademais, os áridos extraídos nos procesos de dragaxe foron reutilizados nun 54% e o 46% restante foi depositado en puntos autorizados.

Necesidades actuais

Actualmente existe necesidade de dragaxe en polo menos 39 portos máis: Burela, Foz, Ribadeo, O Barqueiro, Cariño, Cedeira, Ortigueira, A Pobra, Aguiño, Aguete, Arcade, Ares, Barallobre, Camelle, Cesantes, Combarro, Camariñas, Cabo de Cruz, Corcubión, Escarabote, Espasante, Fisterra, Lorbé, Malpica, Miño, Moaña, Noia, Pedras Negras, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Meloxo, Palmeira, Portosín, Rianxo, Sada, Santo Tomé, Testal e Tragove.

É de destacar que hai 16 portos con necesidades periódicas de dragaxe (frecuencia menor de 10 anos) como son Ribadeo, Foz, Burela, Ortigueira, O Barqueiro, Ares, Miño, Laxe,Muxía, Testal, Rianxo, Bueu, Cesantes e A Pasaxe, Espasante e Cariño.

A día de hoxe están en execución dragaxes en Laxe e Carril, e en tramitación ambiental as de Ribadeo e Cariño. En planificación previa hay 37 dragaxes, en Burela, Foz, A Pobra, Aguiño, Aguete, Arcade, Ares, Barallobre, Camelle, Cesantes, Combarro, Camariñas, Cabo de Cruz, Cedeira, Corcubión, Escarabote, Espasante, Fisterra, Lorbé, Malpica, Miño, Moaña, Noia, Ortigueira, Pedras Negras, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Meloxo, O Barqueiro, Palmeira, Portosín, Rianxo, Sada, Santo Tomé, Testal e Tragove.

[As obras acometidas por Portos en Ribadeo conseistiron na dragaxe da canle de acceso ao porto comercial de Mirasol]. EP

Portos de Mirasol

Tramitación complexa

A tramitación das obras de dragaxe é unha das máis complexas das actuacións que impulsa Portos de Galicia incluíndo diversas fases. Iníciase cos traballos de caracterización do solo e estudios ambientais. Neste punto resultan especialmente sensibles os estudos sobre a xestión do material a dragar.

As operacións de dragaxe producen grandes cantidades de material que precisa ser xestionado. Os custos da fase de depósito deste material constitúen unha parte moi importante do custo total da dragaxe polo que a elección da alternativa será decisiva para determinar a viabilidade do proxecto.

A preocupación polo medio ambiente leva a procurar a reutilización do material dragado e unicamente proceder ao seu depósito no mar cando non existe posibilidade de aproveitamento.

Unha vez rematados os estudos ambientais procédese á tramitación ambiental para posteriormente realizar a tramitación administrativa das obras e poder iniciar a execución.

O prazo de execución dos traballos de dragaxe vai moi ligado ao tipo de material que se draga e á localización dos puntos de depósito ou aproveitamento e, en consecuencia, á distancia e condicións de navegabilidade do periodo dos traballos.

Ademais, en ocasións, a DIA (Declaración de Impacto Ambiental) esixe ou marca a execución dos traballos en determinadas ventadas ou periodos temporais onde se reduce a afectación ao contorno, por exemplo, en base aos tempos de reprodución ou aniño de especies.

Así, o proceso de tramitación previa dunha obra de dragaxe sen necesidade de avaliación de impacto ambiental pode prolongarse máis de dous anos e se fose necesario tramitar unha avaliación de impacto ambiental ordinaria, coa correspondente emisión de Declaración de Impacto Ambiental, pode extenderse máis de tres.

Ao longo de todo o proceso de tramitación interveñen arredor dunha vintena de organismos dependentes das administracións estatal, autonómica e local. Entre eles a Dirección General de la Costa y del Mar; Dirección General de Biodiversidad; Dirección Xeral de Calidade Ambiental; Dirección Xeral de Patrimonio Natural; Consellería do Mar; Dirección Xeral de Patrimonio Cutural; Capitanías Marítimas; Intecmar; Instituto Españo de Oceanografía; Cedex; Instituto de Investigacións Mariñas; centros de investigación mariña; entidades de protección de flora e fauna; confrarías e axentes portuarios.

Así mesmo, a protección da contorna ambiental das zonas para dragar está regulada por figuras internacionais, europeas, estatais e autonómicas. Entre elas destacan as Reservas Mariñas Internacionais; áreas de importancia mundial para a conservación das aves; Red Natura 2000; zonas de produción de moluscos e polígonos de bateas; zonas de baño, reservas mariñas de Interese Pesqueiro; límites das rías; Red Galega de Espacios Naturais Protexidos ou os caladoiros de pesca e os bancos marisqueiros, entre outros.

Esta normativa evoluciona e pode sufrir importantes variacións como ocorreu cos criterios Cedex no ano 2014, cuxa modificación afectou de xeito transcendente á planificación de dragaxes de Portos de Galicia.

[Nos portos de Viveiro e Celeiro –imaxe principal e esta– extraéronse 49.940,69 metros cúbicos de material das dársenas. EP]

Portos de Galicia. CEleiro

Zonas de depósito

O depósito de materiais debe ser autorizado para cada actuación, aínda que as zonas autorizadas previamente serán utilizadas preferentemente fronte ao establecemento de novas zonas, debéndose facer un estudo que valore os efectos ambientais das verteduras anteriores realizadas nas mesmas. Este estudo ten unha caducidade de cinco anos.

Entre os depósitos de materiais autorizados recentemente están os das zonas cercanas a Foz, Burela, Celeiro e Laxe, así como o punto E8, coñecido como Sálvora, revisado por Ministerio de Transición Ecolóxica en maio 2021 e condicionado a un estudo de alternativas.

Usos beneficiosos

Dentro da filosofía de traballo a prol da natureza, son diversos os usos beneficiosos das dragaxes a maiores da recuperación do calado necesario para a operatividade portuaria.

Entre estes, destacan a rexeneración de praias. Exemplos disto son a dragaxe no porto de Celeiro, no concello de Viveiro, onde o material dragado foi empregado na rexeneración da praia de Covas afectada polos temporais. No caso da dragaxe no porto de Ribadeo, parte do material son areas limpas que se empregarán para a rexeneración da praia de San Miguel de Reinante, no municipio de Barreiros, o que mellora a súa estabilidade tralas frecuen- amtes e intensas perdas debido aos temporais dos últimos anos.

Entre estes beneficios tamén son importantes a alimentación da dinámica litoral, a mellora en zonas de marisqueo, a creación de áreas de nidificación e cría de aves, a mellora de terreos agrícolas ou os recheos para obras portuarias.

Contrato global

Ante a necesidade permanente das actuacións de dragaxe no sistema portuario galego, Portos de Galicia entende que a planificación técnica e ambiental destas obras coa maior antelación posible é un factor que pode ser decisivo á hora de dar resposta coa maior celeridade aos problemas de operatividade que lastran a actividade portuaria e polo tanto a economía do sector.

Baixo este eixe de actuación o ente público elaborou un prego de condicións para un servizo global de estudos ambientais e de dragaxe para unha trintena de peiraos autonómicos que permita ter monitorizadas as necesidades de ditos portos e avanzar nas solucións técnicas necesarias, condicionadas significativamente pola tramitación ambiental requirida e a protección da costa.

Esta planificación conxunta permitirá avanzar na resposta ás necesidades operativas nos portos. En base a este prego, o 29 de xuño de 2020 Portos de Galicia iniciou a licitación do servizo harmonizado para a redacción de estudos ambientais e estudips de dragaxe para mais de 30 portos autonómicos. O 24 de febreiro de 2021 formalizaouse o contrato, adxudicando o servizo por un importe de 2.2 millóns de euros e execución ata tres anos.

O servizo consiste na redacción dos estudos ambientais e redacción de proxectos e documentación complementaria necesaria para a tramitación administrativa dos proxectos de dragaxe en máis de 30 peiraos a autonómicos.

Os traballos incluídos no contrato son todos aqueles estudos para completar a tramitación previa requirida para o inicio do procedemento de contratación das obras de dragaxe no momento en que se considere técnica e economicamente viable a actuación.

Deseño: 'working with nature', un concepto en auxe
O concepto Working with nature está a experimentar un auxe global na planificación e deseño de actuacións marítimo portuarias. Trátase dun proceso integrado que inclúe un modo de traballo orientado a identificar e desenvolver solucións ‘win-win’ (éxito para todas as partes) no tocante ao respecto á natureza e os intereses empresariais.

APLICACIÓN. Debe aplicarse nas fases iniciais de deseño dos proxectos de modo que permitan maximizar as oportunidades e reducir as frustracións, entendidas estas como retrasos ou custos engadidos. Deste xeito faranse obras máis rendibles que permitan ademais mellorar as condicións ambientais da contorna. 

APROVEITAMENTOWorking with nature é ademais un criterio que vai máis aló de evitar ou mitigar o impacto ambiental dun proxecto. Deste xeito, o que se propón é aproveitar os procesos e comportamentos ambientais naturais no deseño do proxecto coa finalidade de optimizar as súas posibilidades para así acadar a consecución dos obxectivos pretendidos.

Neste sentido, Portos de Galicia está a integrar este concepto de beneficio mutuo para a contorna medioambiental e as necesidades portuarias en relación ao deseño dos seus proxectos de maior envergadura, especialmente aqueles que teñen un marcado carácter ambiental, como ocorre coas obras de dragaxe.