Román Rodríguez convoca á comunidade educativa para abordar o inicio do curso 

A cita será este mércores e están chamadas as organizacións de docentes e as familias
Roman Rodriguez
photo_camera Roman Rodriguez

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reunirá a toda a comunidade educativa para abordar o inicio de curso escolar e trazar unha folla de ruta conxunta. En concreto, convocou ás organizacións docentes e ás familias, entre outros, este mércores no marco do Consello Escolar de Galicia. 

Todo iso en plena semana de arranque do curso marcado pola conflitividade e o rexeitamento de sindicatos, confederacións de ANPA e de estudantes á xestión da crise sanitaria realizada pola súa antecesora no cargo, a xa exconselleira Carmen Pomar, e que desembocaron na convocatoria de folga tanto de profesores como de estudantes. 

Rodríguez dedicou a súa primeira medida no cargo a dar saída ás constantes e reiteradas chamadas ao diálogo por parte destas entidades, que levan reclamando unha reunión coa Xunta desde hai semanas para analizar a chegada deste novo período académico marcado pola Covid-19. 

O obxectivo, segundo indica a Xunta, é ter "unha primeira toma de contacto" con todos os integrantes da comunidade educativa e "escoitar de primeira man" as demandas e preocupacións de familias e docentes para tentar lograr un inicio de curso "o máis seguro posible". 

Ademais, farao a través do Consello Escolar de Galicia, o "órgano superior de consulta" e de participación de todos os sectores implicados na programación xeral do sistema educativo e de asesoramento de proxectos de Lei e regulamentos no ámbito da comunidade autónoma. 

Román Rodríguez xa estivera á fronte da Consellería de Educación após a marcha de Jesús Vázquez para optar á alcaldía de Ourense, e os propios sindicatos recoñecen o talante dialogante e comunicativo do político respecto dos seus antecesores. 

Comentarios