viernes. 03.12.2021 |
El tiempo
viernes. 03.12.2021
El tiempo

Román Rodríguez: "O curso desenvólvese con gran normalidade, dentro da excepcionalidade"

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. SEBAS SENANDE
Román Rodríguez. SEBAS SENANDE
Reprochou que houbo un "pecado orixinal" para o inicio do curso que foi a Conferencia Sectorial do 27 de agosto

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asegurou que o curso escolar desenvólvese en Galicia "con gran normalidade, dentro dunha enorme excepcionalidade", pola situación debida ao coronavirus, a pesar dos "cantos de sirena" que poidan dicir o contrario.

Nunha comparecencia no pleno do Parlamento a petición propia e do BNG sobre o inicio do curso académico 2020-2021 e das actuacións ante a covid-19, informou de que a día de hoxe hai 427 casos en centros educativos, 52 casos máis que o sábado, e que non se atopa ningún centro pechado.

A área máis afectada é a de Ourense, con 147 casos; A Coruña 93, Pontevedra 54, Santiago 46, Lugo 45, Vigo 37 e Ferrol 9, relatou o conselleiro, que tamén dixo que hai actualmente cinco aulas pechadas, cinco menos que o sábado, o último día que se ofreceron datos diarios ata hoxe.

Rodríguez reprochou que houbo un "pecado orixinal" para o inicio do curso que foi a Conferencia Sectorial do 27 de agosto, na que se trastornou" por parte do Ministerio de Educación todo o traballo feito ata o momento.

Durante a súa intervención, Rodríguez apelou á prudencia á responsabilidade e ao "sentidiño"

En concreto, referiuse a un cambio da distancia de seguridade dun metro a un metro e medio que, segundo explicou, foi a que levou a atrasar o inicio do curso unha semana en secundaria, bacharelato e FP, ademais de adoptar outras medidas como a semipresencialidade e a instalación de biombos.

Xustificou que se decidiu atrasar unha semana para dar tempo aos centros porque para algúns era imposible obxectivamente" adaptarse ao novo requirimento de distancia interpersoal.

Tamén insistiu en que a dotación do fondo Covid para Galicia no ámbito da educación é "discriminatorio e inxusto", con 36 millóns de euros menos dos que corresponde á comunidade, á parte de que está pensado para executar neste ano 2020 polo que reclamou outros 30 millóns para o próximo exercicio.

Destacou que, segundo os últimos datos ofrecidos polo Ministerio o pasado 24 de setembro, a situación nos centros galegos é mellor que a do resto de España, cun 0,9 por cento do total de aulas pechadas, cando a poboación escolar galega representa o 5 por cento do total.

Considera acreditado que hai "unha moi reducida transmisión" do coronavirus nas aulas galegas

A xuízo do conselleiro, os datos acumulados dos últimos sete días indican que nos centros educativos "a situación é afortunadamente mellor que no conxunto da sociedade" cun cociente de 44 casos por cada 100.000 persoas, fronte ao dato xeral de Galicia de 52 casos por cada 100.000 habitantes.

Ademais, considera acreditado que hai "unha moi reducida transmisión" do coronavirus nas aulas galegas.

Durante a súa intervención, Rodríguez apelou á prudencia á responsabilidade e ao "sentidiño" porque é certo que a comunidade educativa fixo moito pero "queda moito por facer" e "non se pode baixar a garda en ningún momento", advertiu.

Indicou que haberá moitas continxencias, problemas e circunstancias non desexadas, porque "o risco cero non existe" e apelou a seguir "traballando xuntos dentro da discrepancia por un obxectivo común: garantir a máxima seguridade sanitaria e asegurar o dereito á educación". 

Román Rodríguez: "O curso desenvólvese con gran normalidade, dentro...
Comentarios