Rotas entre duras acusacións as negociacións entre Xunta e os sindicatos de Xustiza

Rueda asegura que había un preacordo con catro dos sete sindicatos mentres que os representantes dos traballadores acúsano de "mentir" e non querer pechar o conflicto por 12 euros

Mesa de negociación de Xustiza. PEPE FERRÍN
Mesa de negociación de Xustiza. PEPE FERRÍN

Máis de dous meses despois do inicio da primeira folga indefinida da xustiza en Galicia, cando os xuízos e trámites xurídicos suspendidos se suman por miles, a nova reunión celebrada este mércores entre Xunta e sindicatos do sector xudicial non só non permitiu achar unha saída senón que recrudeceu o conflito.

Tanto é así que, ao termo do encontro, houbo cun cruzamento de acusacións entre un "perplexo" e "indignado" Alfonso Rueda e os representantes da Xustiza, que o acusan de "mentir".

O vicepresidente da Xunta, na súa comparecencia ante os medios, revelou que había un preacordo con catro do sete sindicatos -SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO.- para que a folga acabase esta mesma xornada.

Dito acordo, entre outras cuestións, e segundo a versión de Rueda, volvía elevar a subida salarial para os funcionarios de Xustiza e incorporaba un plan de recuperación de traballo de arredor "do 80 por cento". Pero o comité de folga, no que ademais deste catro sindicatos, están STAJ, CIG e Alternativas na Xustiza-CUT, volveu a dicir "non".

A oferta da Xunta era de 135 euros para xestores, 127 para tramitadores e 122 para corpos de auxilio, cunha suba dun 50% este ano, un 30% por cento o próximo en 2020.

A anterior proposta era de 133,42 euros para os primeiros, 108,42 para os segundos e 105 para os terceiros, cun 35% o primeiro ano, outro 35% o segundo e o 30 % restante en 2020.

Nesta conxuntura, Rueda subliñou que comparecía persoalmente, xunto ao resto de negociadores da Xunta, para constatar que esta oferta "xa perdeu a súa validez" unha vez que o acordo non se pechou, e avanzou "que non vai haber ningunha subida máis". "Isto non é ningunha poxa, nin un xogo de nenos", sentenciou.

"Rueda non soluciona o conflito por 12 euros"
Nas antípodas se situou o comité de folga, quen asegurou que a Xunta non pechou o conflito por unha diferenza de 12 euros.

Manuel González Carvajal (UXT) declarou que "unha vez máis a prepotencia da Xunta fai que os cidadáns teñan que seguir sufrindo a mala xestión, a mala política do señor Rueda". Recoñeceu que os sindicatos aceptaron flexibilizar o período de aplicación do acordo, ao chegar ao tres anos, pero Rueda decidiu "deixar a todos os galegos cun conflito por 12 euros".

Consultado pola acusación do vicepresidente sobre a existencia dun preacordo cos sindicatos SPJ USO, FeSP UXT, CSIF e CCOO, González Carvajal acusouno de mentir e retouno a facer público o documento asinado. "O compromiso non é certo, ninguén se comprometeu a levalo á asemblea. Se ten o acordo, que o traia e que o ensine", engadiu.

"Rueda mente, mente á hora de facer as ofertas, condena aos galegos e as galegas porque non quere solucionalo por doce euros", abundou. Agora os sindicatos sopesan "recrudecer as mobilizacións" e piden "novamente a dimisión de Rueda", ao que avisan de que a súa baixada ata os 140 euros ao mes tamén queda retirada ao ser rexeitada.

Comentarios